mércores, 7 de xullo de 2010

Visita Dozón

  Sr. Aurelio Fernández Villaverde, por nacer no Concello de Dozón quero manifestarlle o meu desacordo coa súa carta en relación o Sr. Adolfo Campos Panadeiros. Este señor é rexedor de Dozón dende fai moito tempo pero non por iso se pode dicir que o fixo ben por Dozón. Tivo tempo de abondo para facer moito polo ben de todos neste concello pero ata hoxe só se dedica a facer o que lle interesa sen acordarse en ningún momento de que rexe un cargo público. Aínda, a día de hoxe, non lle vin facer nada polo ben común. Iso si, algunha vez que outra, polo ben privado de algún veciño que se lle rende ós seus pés para pedirlle algún favor, si se moveu, pero sempre co voto na outra man. Se vostede considera que iso é facelo ben estará a falar de épocas caciquís e non de tempos democráticos, no que a transparencia e o ben común deberían estar no interese de todos os políticos.

  Os veciños de Dozón que apoian ó señor Adolfo Campos & Cia, eleccións tras eleccións, fano por que están acostumados os favores privados dende un cargo público a cambio do seu voto. Aínda que esta é a forma primitiva de gañar eleccións segue a ser a práctica habitual neste concello do interior de Galiza. Mentres non se rexenere socialmente este comportamento, pode haber novos candidatos, ata do mesmo PP, máis idóneos que Adolfo Campos & Cia, que o poder municipal seguirá a funcionar como ata o de agora coa súa actividade caciquil. Esta persoa non gaña as eleccións por facelo ben senón por ter o control daqueles que viven a conta del, sexa por medio das súas empresas ou pola relación interesada e vencellada ó concello.
  
  Para demostrarlle que non comparto as súas afirmacións invítoo a que faga unha excursión polas aldeas de Dozón e descubra por si mesmo a situación real deste concello. Para coñecer o nome de cada aldea debería preguntar a xente do lugar xa que algúns dos rueiros ou están mal indicados, xa que non seguen o nomenclátor oficial, ou non existen indicacións. Algunha das carencias que existen a día de hoxe son os sumidoiros en todos os lugares, recollida de lixo selectivo, en especial os das explotacións gandeiras. En todos os lugares, as augas residuais son vertidas a rúa sen haber ningunha depuradora que controle este tipo de residuos. Tampouco hai transporte público -en especial para a xente que carece de vehículo propio-, nin se mellora o servizo de atención a domicilio e axuda ós maiores. Tratándose dun concello agrario carécese de servizo de atención ós gandeiros (oficina agraria municipal con xente cualificada) e tamén carécese dunha mellora de camiños e rueiros nas zonas poboadas. Débese esperar a uns meses antes das próximas eleccións municipais para ver algún que outro camiño arranxado pola empresa que sempre fai as obras municipais. O solo industrial para ofrecer ás empresas que non están vencelladas o rexedor, co fin de crear postos de traballo, non existe. Tampouco existe un acceso a Ourense pola autoestrada dende Dozón. As instalacións deportivas, biblioteca e gardería son demandas que quedan a anos luz debido a nula vontade política por asentar poboación en Dozón. Iso si, existe un tanatorio que o rexedor considera unha obra fundamental hoxe en día para servir a cidadanía.

  Todas estas demandas e as que quedan por citar son carencias municipais que un rexedor debería ter en conta e solucionar se realmente lle interesa a xestión pública dun concello. Reactivar a poboación e a idea de crear futuro en Dozón son estratexias moi caducas para os gobernantes actuais desde concello dezao. De seguro que por parte da alcaldía dise que non hai fondos para todas estas demandas sociais por ser un concello pequeno e que é difícil reactivar a natalidade, de aí que se opte por ter un tanatorio. Por parte do señor Adolfo Campos & Cia non se ve ningún tipo de interese nas xestións públicas, trátase dun concello que está abandonado de toda responsabilidade pública. Cando se abandonan as funcións públicas desta maneira sempre aparecen as veciñas institucións municipais da comarca a ofrecerse para tomar as rendas e poder subordinar as competencias municipais por medio da fusión ou absorción de concellos. Tempo ó tempo verase o dito. Ou non?

Este artigo tamén se atopa no xornal:

martes, 9 de febreiro de 2010

David contra Goliat en Dozón

Logo da contestación en prensa que se fixo sobre o meu artigo de opinión publicado a semana pasada, "Dozón sen Temón" no xornal "Faro de Vigo", sen que a firmara ningén en concreto pero si escondéndose baixo o grupo de Goberno de Dozón, neste novo artigo analizo e aporto algunha que outra matización sobre a contestación recibida.
Mentres calquera proxecto non estea realmente acabado é imposible saber a cobertura ó 100% que vai ter. Hai que ver se realmente o da Deputación de Pontevedra é máis efectivo e garanta que a maioría dos veciños de Dozón gocen do servizo. Véxase os problemas que a día de hoxe aínda hai para ver a TDT en todo o municipio.
En relación ó custo do proxecto da Deputación de Pontevedra, o concello, claro que sae beneficiado, xa que a maioría do custo está financiado por fondos europeos. Hai que matizar que os proxectos promovidos por min, ó concello tampouco lle supón un custo real senón un custo de oportunidade que depende das inversións municipais que levaría acabo baixo o Plan E 2010. En ningún momento me refiro o custo do proxecto como tal senón o custo que lle toca pagar ós usuarios finais polo servizo contratado. Este, de todos os proxectos que pasaron polas miñas mans, era o máis barato para os veciños. Como potencial usuario do servizo de banda ampla sempre valorei máis o prezo que tería que pagar os usuarios finais que o custo do proxecto en si para dotar o servizo. Cabe recordar que no mes de xaneiro a Deputación de Pontevedra ampliou o presuposto de 6 millóns de euros a 10 millóns de euros aproximadamente para poder dotar o servizo en banda licenciada. O concello aínda que só poña 3.213 euros das súas arcas municipais , o custo total do proxecto da Deputación de Pontevedra é moito maior.
Cando xa se indica que o operador da rede é un operador cualificado, con licenza en toda España e que este será o que asuma o proxecto na provincia , estase afirmando que só un e ningún máis dos distintos operadores que hai no mercado galego exclusivo, optan o concurso. Afirmar que o prezo é altamente competitivo non ten cabida no presente caso se só compite o operador cualificado con licenza en toda España na adxudicación final do proxecto provincial. Na provincia de Ourense adxudicouse fai pouco un proxecto similar cun custo mínimo o usuario final de 39 euros/mes por un mega de velocidade por un operador con licenza en toda España. Sen embargo baixo as mesmas condicións, os proxectos que promovín, un deles tiña un prezo mínimo a metade menos có ourensán ó consumidor final. Deixo claro que en ningún momento me manifestei en contra do proxecto da Deputación de Pontevedra senón que os veciños tivesen para o verán a posibilidade de ter dúas ofertas de Internet. Así si que habería prezos competitivos ó consumidor final.
Por último, facer dunha iniciativa persoal (que teña como fin dotar un servizo de Internet nas mellores condicións , tanto económicas como de calidade , á vila de Dozón) unha confrontación política que non ten nada que ver co asunto a tratar é lamentable vindo dunha institución pública. Cos representantes municipais do BNG de Dozón nunca falei deste asunto. De feito, coma a maioría, enteráronse polo xornal ou de oídas por outras persoas.
Que terá que ver a miña inclinación ideolóxica ou política co de ter un servizo básico para Dozón? Só podo achacalo a que detrás da trama de poder asentada en Dozón hai moito interese en blindar as mentes e pensamentos dos veciños e veciñas co único fin de controlar a todos sen excepción para que ninguén se saia das liñas marcadas. Se sobrepasan esas liñas ponse o “aparato mediático” a funcionar para que se marque e marxine socialmente a persoa. Creo e sei que as persoas en Dozón son racionais e pensan por si soas, a parte de ser humildes e traballadoras. Co cal non sei a que ven todas estas acusacións persoais e con moi mala intención dese poder do que antes comentaba.

Dou as grazas en primeiro lugar, as persoas que me animaron a presentar esta iniciativa e conseguir que ó final a totalidade dos veciños de Dozón poidan ter un servizo digno e adecuado os tempos que corren coas novas tecnoloxías. Tamén agradecer ó grupo de goberno de Dozón por aceptar as miñas insistentes invitacións a reunirse para tratar o tema , aínda que fosen en instalacións de empresas privadas e non dependencias municipais.

mércores, 3 de febreiro de 2010

Dozón sen temón

 Logo das distintas xestións realizadas durante estes meses en relación a dotar banda ampla á totalidade do concello, cabe facer balance e calibrar ata onde un pode chegar cunha iniciativa individual apoiada pola maioría dos veciños de Dozón.

 O grupo de goberno do concello deixa en mans da Deputación de Pontevedra un servizo que tivo a oportunidade de ser o responsable de levalo a cabo. Estivo nas súas mans garantir á cidadanía un mega de velocidade a un prezo mínimo de 19€/mes como servizo mínimo a cada usuario.

 Non asumir ningún tipo de responsabilidade nin os custos que repercuten no beneficio da cidadanía déixanos a todos nun momento cheo de incertidume. A Deputación de Pontevedra aínda non decidiu cal será o prezo mínimo que terá que asumir o usuario final mantendo as mesmas condicións do servizo mínimo ofertado. Na Deputación de Ourense, un proxecto similar ó que se mantén na provincia de Pontevedra, anunciouse nos xornais que o prezo mínimo por un servizo de un mega de velocidade é moito maior ca iniciativa presentada estes meses no concello.

 As autoridades institucionais do concello teñen unha actitude bastante distante e moi pouco flexible á hora de atender a demanda social en relación a este asunto. A pasividade, por parte do grupo de goberno municipal, é case unha constante ante as necesidades que unha vila precisa e desexa para o seu futuro. Este servizo, aínda exclusivo no rural -só para xente con maior capacidade económica- non será o que máis urxe pero, se falamos das necesidades xerais que precisa a cidadanía, a actitude e bondade do goberno é moi semellante para todas elas.

 O resto de servizos que aínda non hai pódense citar nunha lista interminable: sumidoiros en todos os lugares, recollida de lixo selectivo, transporte público –en especial para a xente que carece de vehículo propio- mellora do servizo de atención a domicilio e axuda ós maiores, servizo de atención ós gandeiros (oficina agraria municipal con xente cualificada), mellora de camiños e rueiros nas zonas poboadas, solo industrial para ofrecer ás empresas co fin de crear postos de traballo, instalacións deportivas, biblioteca, gardería…

 Esta lista que amoso é pequena pero de seguro importante para solventar algunhas das demandas que poderían precisar os veciños e así mellorar o benestar de todos.
 Faltan políticas que reactiven a natalidade, que asenten máis poboación e dinamicen a economía na zona. Un vehículo que vai sen condutor pola autoestrada é ben evidente o que lle acontecería. O accidente sería evitable se o condutor non se ausentara durante a condución do vehículo. Este exemplo hipotético pretende clarificar e asemellarse ó goberno que hai en Dozón.
 Gañar eleccións municipais sen garantir estes servizos é para facer unha análise socioeconómica moi polo miúdo na zona. Os veciños ven como algo imposible ou a anos luz ter estes servizos básicos co cal estase a obstruír ou anular por completo as súas capacidades de manifestárense con normalidade para demandar e dispór deles como cidadáns libres e con dereitos.

xoves, 24 de decembro de 2009

O Ermo no Agro Galego

 O agro galego está a ermo debido ás poucas ansias de traballalo. Non falo do traballo que realizan os labregos e labregas actuais senón do traballo de xestión e negociación que lles toca a aqueles cargos públicos e institucionais que comen de todos e non producen rendabilidade . Se a estratexia pública actuara con conciencia e baseárase na realidade dos distintos sectores vencellados ó agro galego outro galo cantaría e os labregos e labregas desta terra fértil e verde falarían de riqueza e non de pan para hoxe e fame para mañá. Os sectores produtivos vencellados ó agro tamén son sensibles ós cambios do entorno co cal os individuos da Administración do Estado e de Galiza, en concreto, son os responsables e paralelamente co-causantes destes cambios evolutivos dos últimos tempos no marco europeo, apesares de que queren delegalo na UE. As distintas administracións públicas deberían ser as responsables e activar políticas activas de dinamización e recargar o valor dos sectores do agro na economía galega para darlle un pulo non só na UE senón tamén a nivel internacional. Temos ó noso dispór, dende as distintas administracións públicas, ferramentas que son factibles e moi útiles que levan paradas moitos anos ou son empregadas de escaparate demagóxico xa que nunca serviron para a estructuración dos sectores. Os sectores vencellados o agro galego non necesitan de subsidios, necesitan de recursos que permitan subir no tren do avance e dos novos mercados. Estes recursos é ben sabido que, en diñeiro e de forma directa, os labregos e labregas aquí en Galiza de pouco lles serviron para competir e adaptarse os novos tempos, non pola mala xestión das súas explotacións senón porque carecen de capacidades e infraestructuras que lles permitan levar a cabo esas adaptacións tan necesarias e urxentes dende fai moitos anos. A formación do labrego e labrega foi nula durante moitos anos dende que entramos na UE e só se aplicou apillaría para servirse de fondos públicos sen que estes realmente fosen destinados a repercutir na mellora e adaptación da explotación. Cando falo de mellora e adaptación non me refiro só a adquisición de activos senón de formación e modos de xestionar a explotación xunto coa dotación de infraestructuras de carácter xeral a un lugar concreto onde aséntanse máis dunha explotación. Incentivar o cooperativismo e a asociación de explotacións faríanos máis competitivos no mercado.

 Se as distintas administracións públicas taparon os ollos ante estes feitos ou elas mesmas foron parte nos fins dos fondos públicos, o problema non está no labrego en si senón en quen administra estes recursos. A rendibilidade dos recursos procedentes da UE para Galiza a modo xeral nas últimas décadas foi mínima ou case nula para a xeneralidade dos sectores vencellados ó agro galego. Logo aquí, está acontecendo algo que non é causa externa senón interna e en clave galega. Falta xestión e ansias en administrar correctamente estes recursos cada vez máis escasos. O anterior governo bipartito comenzou a tomar este modo correcto de administrar os recursos públicos pero só foi un escintileo. Para este novo curso político queda pendente seguir dando escintileos que poden chegar a ser continuados no tempo para lograr ver o camiño correcto ou ser pasivos e parte implicada no ermo do agro galego.

 O plantexamento de fondo está en buscar a función que revalorice o agro galego, permitir que este recurso natural de Galiza e para Galiza se rexenere e sexa atractivo para aqueles que queiran internarse no mundo empresarial agrario galego. Unha explotación tense que ver coma unha organización productiva e non se está a enfocar deste xeito co que o plantexamento para resolver a situación nunca encontrará unha solución factible.

 Un grupo lácteo propio sería un paso se acolle na súa organización a todo o sector e non só os grandes productores, o que non se pode é establecer o modo de traballar doutras organizacións ou grupos foráneos sen ter en conta as peculiaridades de Galiza. Estas peculiaridades son o importante dun grupo lácteo galego cun horizonte a competir no mercado internacional revalorizando os distintos produtos a introducir no mercado e marcando a diferenza necesaria para gañarse a confianza do consumidor final.

mércores, 18 de novembro de 2009

Pluralidade Escondida

 Galiza é un País no que se respeta as distintas linguas que conviven no seu territorio ata tal punto que foron outros os que non respetaron a súa cultura galega.Os partidos políticos deberían ser responsables e educar a sociedade a máxima de que tódalas culturas que conviven en España son compatibles unhas con outras sen necesidade de chegar a confrontación entre elas. Esta idea debería de ser común a todo partido político que se considere democrático e de ámbito estatal en España, senón estaría caendo no que se di nacionalismo castelán. Dende o 1939 ata o 1975 Galiza e toda España estivo sometida a máxima de que España era unha, grande e libre e só contando co castelán como idioma "integrador" das demais culturas que convivían no Estado. É de recibo deixar de pensar que España só ten un idioma para o mundo e comezar a exportar a súa cultura plural tanto lingüística como cultural. Deixaríase de pasar dun conflito a unha verdadeira integración multicultural e enriquecedora para o país. Deixaríase de seguir secuestrando a cultura plural de España e pasaríase a unha acción educativa positiva a nivel estatal. Os políticos que din que representan o estado deberían difundilo como algo propio de todos os españois e deixar de marxinalizar e utilizar dúas varas de medir segundo os oíntes sexan galegos, casteláns, vascos, cataláns,...

 Volvo a dicir que non se trata de estar de acordo ou non senón de entender e comprender a realidade e non confundila con algo idílico que se quere impoñer dende o centralismo máis nacionalista e separatista como son os nacionalismos casteláns tanto de dereitas como esquerdas e seguir espallando e asoballando as culturas mal chamadas minorías de España.

 Se de verdade se cree na cultura plural e o lector é unha persoa integradora admitirá que España ten máis de unha identidade. As linguas carecen de fronteiras co cal é posible levar a cabo estas medidas.

martes, 4 de agosto de 2009

Utilidade da monarquía española

A monarquía é unha "marca" en España de cara o resto dos paises. Serve para que a xente teña unha referencia a hora de conseguir a súa plenitude como persoa "rica" e con poder de atraer masas.

Se non houbese a monarquía; España dificilmente lograría tender a un pobo republicano. É necesario unha persoa que dea a imaxe de estabilidade política e imparcial para que as distintas ideoloxías, que predominan no País non se enfrenten de forma crítica e provoquen o que nun tempo atrás sucedeu...

A monarquía é unha especie de nexo necesario para que España chegue a ter unha estructura política republicana ou de carácter federalista.

Este cambio producirase no próximo quindenio deste século XXI. 

O tempo no lo dirá.

martes, 9 de xuño de 2009

Obxetivo Iresponsable de "Galicia Bilingue"

 “Galicia Bilingüe, nado no ano 2007 é unha asociación sen ánimo de lucro cuxo fin primordial é defender o dereito dos pais ou, no seu caso, dos alumnos a elixir a lingua vehicular na que estes han de ser educados e, en xeral, o dereito dos cidadáns a elixir en cal das dúas linguas oficiais a Administración ha de comunicarse con eles”

 Isto que acabo de engadir é o obxetivo básico que aparece na web de dita organización e sen embargo faise chamar “Galicia Bilingüe”. O nome da asociación, para aqueles que non a coñezan, soa ben e ata parece cordial e equilibrado con carácter democrático. Logo demóstrase, se nos adentramos nos seus principios, que ese nome non é máis ca un simple “márketing” para dar a entender a sociedade que defende de igual modo calquera das linguas que son oficiais en Galiza.

 O que realmente pretenden é implantar un modelo no que o idioma ensinado nas aulas sexa aquel que a sociedade, debido os prexuízos do momento por parte da clase de poder dominante, o considera mellor cara o futuro. Non repara ou non lles interesa equilibrar a coexistencia das linguas que se empregan no país actualmente pero si reparan en defender con ímpeto, ata o último momento en que a lingua maioritaria (neste caso o castelán en todo o territorio estatal) non perda falantes nin chegue a sufrir o que aconteceu no seu momento coas linguas coexistentes no territorio estatal español.

 Iso o consideran unha inxustiza e eu tamén estou de acordo pero sen embargo que a xente non poida dominar máis linguas que a materna non o teñen en conta. Coma se un neno só fose capaz de aprender unha única lingua e ata lle din a xente que se non aprenden a materna igual non van ben educados.Aí está a ignorancia desta asociación que trata de defender os dereitos e as liberdades das persoas.

 Que mellor liberdade dunha persoa que poder defenderse non só na lingua materna senón tamén nas linguas que o rodean no seu entorno máis próximo. Sexan esas linguas minoritarias ou as máis faladas, o que non se pode facer é restrinxir e limitar o coñecemento de distintas culturas que conviven nun territorio xa que non se está sendo responsable e obxetivo na educación que reciben os nenos e nenas deste país. Entorpecer a dinamización de calquera idioma nun país, teña os falantes que teña, estase fomentando unha política de marxinalización para o futuro da sociedade galega.

 O de darlle máis espazo xurídico a un idioma (neste caso o galego) non ten por qué solaparse coa coexistencia do outro idioma (castelán) sendo o castelán o que posúe máis espazo ata o de agora.

 Os dous idiomas deberían ser vehiculares no ensino por ter presenza social e ata engadiría que outros idiomas foráneos ao territorio español poderían ser os idiomas vehiculares nas asignaturas que dan a coñecer esas linguas para que o cativo ou cativa empece a asociar a diversidade lingüística que existe no mundo e non só vexa en exclusiva un idioma coma se ese fose o universal.

 Quero deixar claro que se esta organización defendede as liberdades dunha persoa por riba de calquer coñecemento idiomático, o da lingua materna é unha escusa que si pode ter esa apetencia ou capricho por parte de algún pai ou nai pero que non deixa de ser unha irresponsabilidade e un paso atrás na educación libre do neno ou nena no seu futuro.

 Iso é o importante dunha educación libre e universal e non sectaria e marcada con prexuízos idiomáticos que o neno non entende e nin é cosciente mentres é inocente. Só lle carreará choques sociais con outras persoas no futuro ou unha mentalidade pouco realista e nada obxetiva do contexto social no que vive debido a mala ou escasa educación idiomática que viviu no momento. Compre que o cativo ou cativa a parte de ser consciente co seu entorno manteña unha empatía idiomática e valore a riqueza cultural e diversa que hai no noso país.

xoves, 14 de maio de 2009

O Plan da Xunta para o Medio Rural

O que anuncia esta nova Xunta é un plan para que as distintas explotacións agrarias teñan unha vía de escape máis doada para sair do sector . Á diferencia da anterior Xunta, esta vai impulsar políticas de abandono máis eficaces e rápidas para que o número de empresarios agrarios se reduza.
A anterior Xunta mimaba o sector e incentivaba a permanencia no mesmo con políticas de dinamización con carácter inmigratorio do seu activo humano, por así dicilo, creando un imaxe do medio rural positiva na sociedade e permitindo que o sector fose atractivo e revalorizado na súa xeneralidade.
Esta Xunta que saíu en marzo nin tan sequera se plantexa este tipo de políticas xa que as considera perdidas de tempo e prefire que o sector se siga afogando con subvencións sen darlle valor engadido o producto no mercado e non conseguir diferenciarse doutros mercados foráneos para ser máis competitivos e mostrarlle ao consumidor final un producto de maior calidade. Tamén deixa de lado a posibilidade de crear en Galiza competencias propias na distribución do mercado interior e así poder competir co exterior tendo unha ventaxe competitiva axeitada cos tempos que corre no sector nestes e en outros mercados foráneos.
A anterior Xunta contiña esta esencia pero esta nova que saiu en marzo non lle vexo moita traza de querer mimar o sector de forma seria e con expectativas de futuro positivas.
Deséxolles o mellor ós que teñan responsabilidades políticas neste campo pero non os vexo moi implicados na causa de resolver o problema estructural de fondo.

martes, 3 de marzo de 2009

A ignorancia das persoas e a súa vulnerabilidade ou inocencia para votar!

Nestas eleccións e toda a campaña volveu o medo e a hipocrisía por parte da dereita máis sucia, manipuladora e covarde de que "yo soy el rey y sin mi nadie se salva". En toda a campaña nin tan sequera unha soa proposta específica que favoreza a clase traballadora vin por parte do Partido popular. Isto demostra a ignorancia do pobo e o pouco aprecio que se ten da concepción das ideas en política e os servizos públicos. A xente busca no Pp unha salvación divina e a enganan ou non se dá conta de que grazas a eles as institucións públicas están dominadas polas empresas de turno e os altos cargos das distintas administracións dos entes privados. Iso é o principal problema que o bipartito non puido ou non quixo solucionar para que a democracia en Galiza fose transparente e non de caciques e clientelismos nas horas previas as eleccións. Estando a 1 de marzo de 2009 en Dozón, os xamóns, nesta xornada electoral, circularon que dou gusto, tanto coma se fosen nun coche de fórmula 1 polas distintas pateiras para que o Pp tivera a maioría. Iso é democracia?Iso é unha tarefa pendente daqueles que lles interese a democracia das ideas e iniciativas para que o pobo teña verdadeiro criterio a hora de elixir a os seus candidatos preferidos.
Outra cousa que había que revisar, ou non, é: querer que o termo "gallego" na RAE siga considerando a os galegos como saben os que gobernarán nestes anos!!*Aqueles que non o saiban miren calquera dicionario da RAE e encontrarán a definición.
Iso supoño que é a razón de porque en Galiza temos unha maioría no parlamento do Pp e a xentiña sigue votando do xeito que o fai. Non necesitarán ningún criterio académico e científico para buscar unha explicación o acontecido onte.
Temos o que merecemos!Mexan por nos e dicimos que chove!Dannos pan e quítannos os dentes!

Saúdos @s lectores!
Un galego dos que pensa coma Castelao.

domingo, 22 de febreiro de 2009

Comentario sobre o artigo "Rodríguez anunciou en Dozón máis axudas para dependentes" publicado na Voz de Galicia o día 20 de febreiro do 2009

Existen moitas formas de facer política cara a xente pero unha delas non deixa de ser precaria en ideas e moi pouco actual aínda que sexa a que se practica para os novos tempos que corren. O único que se pretende con este tipo de actuacións parece ser conseguir confrontar a xente que teña ilusións de avanzar e que estas persoas consideren a política como algo inútil e sen valor práctico para solucionar os distintos problemas sociais que poida haber.
Cando se realizan este tipo de actos só co fin de desprestixiar actuacións doutras forzas políticas que conforman un goberno sen aportar novas formas de xestión os electores caen na tentación lóxica de desmotivarse e non querer participar activamente co voto nas urnas en momentos decisivos como poden ser as elecións. Para este caso en concreto, este partido político responsable do acto anunciado, non pretende máis ca provocar abstención e perder toda credibilidade a calquera organización política. Só se pretende a baixa participación democrática e que os votantes non se sintan responsables das xestións públicas levadas a cabo a longo prazo por un goberno.
Estase caendo nun erro gravísimo con esta forma de facer política. Non se lle dá valor as ideas e só se prima o negativo e a descalificación sen aportar propostas resolutivas e polo menos capaces de crear debate constructivo para o ben común de todos.
Os únicos responsables desta situación non son só os políticos da época senón da sociedade que educa e recibe coñecemento para valerse por si mesma.
Este é un paso moi difícil de dar pero que é necesario e merece a pena pasalo para que impere unha sociedade con conciencia social e de raciocinio ante o que a rodea e lle preocupa.

domingo, 15 de febreiro de 2009

Sobre o artigo "Aquí no se sabe cuando acaba el mes"

Ola,
despois de ler este artigo quería comentar que as clavés da situación económica que atravesa Dozón non están no seu modo de vida das súas xentes (actividades económicas que realizan) senon na clase política que está no poder municipal na actualidade. Esta utiliza os medios políticos que están o seu alcance como “satélite” desde onde cubre de “rosas” toda a súa mala xestión municipal por medio da manipulación ou comprando directamente a xente. Quería comentarlle que o señor Alcalde contoulle alguna que outra mentira relaccionada coa autoestrada. El foi o único responsable de que esta non tivera as entradas é saídas correspondentes para comunicar a Dozón cos outros municipios. As persoas que tiveron que emigrar do municipio non foi só por que o traballo fose escaso senon que é insostible enfrentarse a unha clase política que practica de forma maquillada un sistema dictatorial nas suas xestións municipais. Poderíalle relatar un sinfín de anécdotas que son do máis subrealistas en relación as autoridades que governan neste pequeno municipio do interior de Galiza pero necesitaría máis dun correo.
Para rematar quería comentar que no seu reportaxe botei en falta un análise temporal de todo o século XX ata a actualidade para poder demostrar que nun tempo atrás esta situación pudo deribar en outra distinta a actual. A falta de democratización do municipio durante o pasado, en tempos de democracia, está a ser a clave dos problemas que fan que este concello siga, según os datos estatísticos, na cola do desenrolo económico e social.
Tamén quería agradecerlle a reportaxe feita, xa que dá a coñecer un pouco mellor a situación , as veces olvidada, de moitos municipios galegos.