Logo das distintas xestións realizadas durante estes meses en relación a dotar banda ampla á totalidade do concello, cabe facer balance e calibrar ata onde un pode chegar cunha iniciativa individual apoiada pola maioría dos veciños de Dozón.
O grupo de goberno do concello deixa en mans da Deputación de Pontevedra un servizo que tivo a oportunidade de ser o responsable de levalo a cabo. Estivo nas súas mans garantir á cidadanía un mega de velocidade a un prezo mínimo de 19€/mes como servizo mínimo a cada usuario.
Non asumir ningún tipo de responsabilidade nin os custos que repercuten no beneficio da cidadanía déixanos a todos nun momento cheo de incertidume. A Deputación de Pontevedra aínda non decidiu cal será o prezo mínimo que terá que asumir o usuario final mantendo as mesmas condicións do servizo mínimo ofertado. Na Deputación de Ourense, un proxecto similar ó que se mantén na provincia de Pontevedra, anunciouse nos xornais que o prezo mínimo por un servizo de un mega de velocidade é moito maior ca iniciativa presentada estes meses no concello.
As autoridades institucionais do concello teñen unha actitude bastante distante e moi pouco flexible á hora de atender a demanda social en relación a este asunto. A pasividade, por parte do grupo de goberno municipal, é case unha constante ante as necesidades que unha vila precisa e desexa para o seu futuro. Este servizo, aínda exclusivo no rural -só para xente con maior capacidade económica- non será o que máis urxe pero, se falamos das necesidades xerais que precisa a cidadanía, a actitude e bondade do goberno é moi semellante para todas elas.
O resto de servizos que aínda non hai pódense citar nunha lista interminable: sumidoiros en todos os lugares, recollida de lixo selectivo, transporte público –en especial para a xente que carece de vehículo propio- mellora do servizo de atención a domicilio e axuda ós maiores, servizo de atención ós gandeiros (oficina agraria municipal con xente cualificada), mellora de camiños e rueiros nas zonas poboadas, solo industrial para ofrecer ás empresas co fin de crear postos de traballo, instalacións deportivas, biblioteca, gardería…
Esta lista que amoso é pequena pero de seguro importante para solventar algunhas das demandas que poderían precisar os veciños e así mellorar o benestar de todos.
Faltan políticas que reactiven a natalidade, que asenten máis poboación e dinamicen a economía na zona. Un vehículo que vai sen condutor pola autoestrada é ben evidente o que lle acontecería. O accidente sería evitable se o condutor non se ausentara durante a condución do vehículo. Este exemplo hipotético pretende clarificar e asemellarse ó goberno que hai en Dozón.
Gañar eleccións municipais sen garantir estes servizos é para facer unha análise socioeconómica moi polo miúdo na zona. Os veciños ven como algo imposible ou a anos luz ter estes servizos básicos co cal estase a obstruír ou anular por completo as súas capacidades de manifestárense con normalidade para demandar e dispór deles como cidadáns libres e con dereitos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario