luns, 15 de xuño de 2020

A política de apoio e mellora agraria non debe ser só auxilio

Todos os sectores, sexan do primario ou da industria transformadora, reciben apoio económico con menor ou maior contía. O asunto fundamental é se esa axuda, e todas as estratexias políticas cara o sector, permiten sostelo, garantindo a continuidade no tempo dunha actividade atractiva e con réditos para investir nela dende o inicio da mesma. 

A economía primaria, e en concreto a produción do leite, debería contar con poder suficiente para permitir marcarse a súa propia marxe de beneficio sen estar fixada de maneira esóxena por outros actores. A gobernación pública debería arbitrar e tutelar o cumprimento desa regra de transparencia.

O arranque e desenrolo do tecido primario na Galiza ten moito potencial que tampouco está a ser activado. Canalizar e dinamizar as liñas que deberían facerse, con ferramentas que aporten complementos de valor, sen contaminar o prezo do litro de leite, seguen a estar pendentes. 

O prezo do leite é o resumo de toda a actividade. É o final dun valor trasladado, que debería ser o xusto, sen alteracións, sen perturbar o verdadeiro importe. Fixado e cotizado no mercado coas leis dunha dinámica transparente e atada a forzas tendentes a dar un valor optimizado de todas as contías variábeis da transacción ata o consumidor final. Unhas forzas que tamén impulsen a obtención dunha ganancia razoábel e equitativa a todos os entes xeradores da cadea de valor contando co ente produtor.

Por desgraza, neste país, o prezo vénnos dado e a manobra que nos queda é axustar, na medida que poidamos, os custes de aquelas variábeis relativas totais máis manexábeis dese valor final.  A tarefa case se ve como misión imposíbel cando nin iso se dá controlado. Por iso, a importancia de ter unhas liñas de apoio indirectas máis importantes, sen que afecten á baixada do prezo do leite é esencial. E non me refiro a un aporte só económico senón, ao de forzar unha maior amplitude da importancia que ten o sector primario na economía local do entorno. As gandarías son a base e sustento fundamental. É o comezo da xeración dun alimento de primeira necesidade. Coidar e garantir este ente económico e social no rural ten que ser primordial na política galega.
Hai moitas estratexias posíbeis á hora de poder facer valer a demanda dos produtos nosos, sen caer en políticas intervencionistas ou agresivas contra o foráneo. Suíza márcase obxectivos nesa liña, afronta un escenario que permite ás ganderías ter ganancias acordes. Francia, sendo membro da UE coma Galiza, tamén xoga nese papel.
O ente produtor de calquera sector primario debe funcionar cunha marxe de beneficio vinculada ás ganancias dos intermediarios sen escalar beneficios no prezo final ao consumidor. Non se trata dunha técnica de fixación de prezos regulados explicitamente nin independentes da interacción da demanda coa oferta. Trátase de estruturar un modelo no que se distribuían as marxes ganancias a todos os partícipes do ben producido e engadido nesa cadea ata o usuario final.
O futuro é incerto pero a política apropiada e adaptada a un sector, que demanda un horizonte de prosperidade, debería aparecer axiña e fixarse en trazar un contexto estábel para todos.

Este artigo tamén se atopa nos xornais:



venres, 12 de xuño de 2020

O monte galego: mina de ouro na superficie.

  O fundamental na política da xestión do monte do noso territorio é encauzar liñas plurais de revalorización e incentivos variados para a actividade da industria e do entorno forestal, empregando a gran variedade autóctona da materia prima que xera Galiza. Poñendo un exemplo concreto, tan importante é producir madeira como lograr cerrar o ciclo da actividade que xera esta aquí. Apoiar a apertura e desenvolvemento de negocios locais, tecéndoos neste ciclo, e non só limitarse a exportar para que outros de fóra, transformen e engadan valor a algo que debería facerse aquí. Con isto existirían unha variedade importante de empresas privadas e públicas que manterían un campo industrial e servicial forte á cidadanía galega.

  É unha mágoa que cando se empregan as palabras forestal e Xunta na mesma frase se monopolicen para referirse á celulosa e a os lumes. E é precisamente a propia Xunta, gobernada polo partido popular, quen se encarga de alimentar esta visión. Direxe políticas para dous negocios, o da celulosa e o da extinción. O resto é marxinal e nós somos meros espectadores afectados dunha explotación tan amañada e tan cerrada, apartando todos os beneficios posíbeis da cidadanía en xeral que, igual que as raíces do eucalipto desertizan o sólo de auga e minerais, a vida de cada galego queda baleira. É tal a magnitude deste proveito particular que a vida aos galegos quédalles foca, e tampouco lles permiten aproveitar nada que non sexa a prol das directrices políticas caciquís dos seus tecidos clientelares. Isto é o que empobrece este país.

  A sabia que empapa unha cultura forestal máis diversa e sobre todo chea de valor e riqueza, non só pecuniaria e de lucro, senon tamén sentir  fortuna da conservación da reserva natural, propia dun país milenario, é a que debería circular. 

  O sacrificio por unha sociedade cívica e ben formada neste campo tamén lograría emerxer praxes adecuadas, permitindo asentar unha conciencia colectiva sobre un monte rico, apreciándoo tanto coma o ouro o é para o xolleiro.

  O quilate deste asunto baséase niso, na reflexión e o debate constructivo, cooperando, sen derruír o entendemento e matizando cada paso para andar firme e ben enraizado no camiño forestal. 

  Este feixe estratéxico, sendo o obxetivo na gobernanza, daría bos resultados, non só á sociedade senon tamén ao seu medio natural e á calidade de vida no rural. Melloraría todo de maneira sustancial.

domingo, 7 de xuño de 2020

A Galiza, fonte máxica de vida.

  O territorio galego foi, é e será berce dunha cidadanía maga, singular e dona de si. Permite ser fecundo de pobos transmisores, cunhas vías de sabia e mestría seculares. Baixo tempos máxicos e acompasados co astro emisor ha dar uns raios verdecentes e a traveso dun ar xerador,  un prácido fungar.  A esperanza dá a vida eterna, e agourada por todos hase atopar. Galiza punto de encontro, hábitat de bo exemplar.

sábado, 6 de xuño de 2020

Na terra de colonos só hai tronos

  Os dereitos humanos nos EEUU aínda non se ven. Seguen a ter calamidades dirixidas por unha civilización atrasada e moi desfasada do que debería ser unha sociedade evolutiva e garantista da humanidade.

  Faltan valores éticos. Teñen a necesidade dunha concienciación colectiva máis alá dos privilexios salvaxes. Precisan inculcar un conxunto de dogmas traballados dende a paz, transversal a todo o mundo. Non deberían limitarse a xerar, dende o oportunismo singular, climas experimentais e escenarios proxectados nunha base unilateral dun tipo de cultura orquestada pola contorna do diñeiro e traficado sen ningunha regra social.

  Continúa a ser un territorio de foráneos, sen valores enraizados en aborixes. A natividade foi erradicada moitos séculos atrás e continúan esa metodoloxía nos seus hábitos diarios. Vese, a leguas, que aínda perduran con esa praxe. Na terra de colonos só hai tronos.