venres, 27 de novembro de 2020

Unha corrente continuista non institúe democracia.

  É certo que todos son iguais cando non teñen máis cultura política cá española. Felipe, o político de vez, fixo a historia que lle ditaba a Coroa. O mando ese, que só fai que non fai pero non deixa facer democracia, agora é Felipe. 


 Na corrente política española, deste sistema monárquico parlamentario, séguese a estratexia de plantar novas vellas figuras para dar pé a que o pobo semelle e pareza representado pero non acaba sendo decisorio no que nos din que é o noso propio estado. 


  Esta central de criaturas do sistema só dá froitos para a monarquía e moitos custes para a cidadanía. Neste continuísmo seguimos atados, por monicreques servís e delegados da plutocracia tradicional católica e zuna absolutista que só son capaces de manter un poder sen as persoas do común. Sen a cidadanía do ben común.


   A organización criada no 15m xa chegou  á idade do servilismo, á idade da puberdade da súa verdadeira identidade. Nótase que non era do 15M, só estaban no 15m. Teñen dende sempre unha función acaparadora e catalizadora para facer unicamente fume e darlle máis tempo a unha institución medieval e anacrónica.


   Non se espere máis, a idade da cidadanía na política xa fai moito que chegou, é tempo de institucionalizala. A democracia ou faise radical ou simplemente non existe. A demagoxia é unha arte para a política no poder. O exercicio dos pobos para exercer o seu poder está instituída na democracia non nun rei.

mércores, 25 de novembro de 2020

25N: Un día feminino e magnánimo para repetir a diario.

O concepto feminista de hoxe en día nace no 1882 da man de Hubertine Auclert. Esta palabra logrou abarcar un conxunto de movementos políticos, sociais, ideolóxicos e filosóficos co fin común de conseguir para a muller uns dereitos ecuánimes e unha convivencia humana estábel por medio do apoderamento feminino e da liberación de padróns patriarcais, baseados en normas de xénero.

 

Permitiu entrar nun tempo novo, cun futuro aberto no que se recoñecía o papel e o espazo desta sen depender dun home ou estar anulada por este. Case vai xa século e medio dende este xurdir ata hoxe e a Humanidade segue pendente de ver froitos. Está por resolver un problema que é de xustiza social e de poder dar oportunidades para alcanzar que todas as persoas sexan iguais independentemente do seu xénero. 


A meta aínda non se ve. Compre continuar o camiño da reivindicación, da conmemoración e sobre todo da esixencia e da acción para cumprir o que é de boas e xenerosas persoas. Desexo que medren e veñan máis días feministas, hoxe é un deles. Parabéns a todas as mulleres.