O concepto feminista de hoxe en día nace no 1882 da man de Hubertine Auclert. Esta palabra logrou abarcar un conxunto de movementos políticos, sociais, ideolóxicos e filosóficos co fin común de conseguir para a muller uns dereitos ecuánimes e unha convivencia humana estábel por medio do apoderamento feminino e da liberación de padróns patriarcais, baseados en normas de xénero.
Permitiu entrar nun tempo novo, cun futuro aberto no que se recoñecía o papel e o espazo desta sen depender dun home ou estar anulada por este. Case vai xa século e medio dende este xurdir ata hoxe e a Humanidade segue pendente de ver froitos. Está por resolver un problema que é de xustiza social e de poder dar oportunidades para alcanzar que todas as persoas sexan iguais independentemente do seu xénero.
A meta aínda non se ve. Compre continuar o camiño da reivindicación, da conmemoración e sobre todo da esixencia e da acción para cumprir o que é de boas e xenerosas persoas. Desexo que medren e veñan máis días feministas, hoxe é un deles. Parabéns a todas as mulleres.
Ningún comentario:
Publicar un comentario