No mundo
urbano haberá outras comodidades pero no mundo rural hai moitas oportunidades e
tamén moitas posibilidades a realzar e darlles valor. Que estas opcións non
estean de moda ou que non sexan aceptadas pola influencia das liñas comerciais,
centradas nas grandes superficies e orientadas a atomizar a sociedade,
concentrando esta en edificios afastados da natureza, pois xa é un problema de
visión, aberto e proxectado só nun modo de vida que erroneamente se ve como
único para lograr o benestar.
A xente
afeita a falar mal do rural está cargada de prexuízos e tamén pode estar
baseada nunha apreciación xerada dende un entorno illado do rural por ignorar
que o mundo do campo é a base da economía, é o punto primario de partida que
sostén a toda a sociedade.
Os ciclos
da mobilidade da poboación entre a cidade e a aldea, ou entre o urbano e o
rural, seguen activos e continuarán producíndose constantemente no tempo .
Precisamente este tipo de apreciacións que xera a cidadanía, segundo a etapa de
benestar apreciada de forma xeral, debido á economía establecida e á política
usada, son as forzas que definen o movemento da poboación. O feito desta
apreciación non fai máis ca demostrar que se trata dun proceso subxectivo e non
está vencellado de xeito directo, o benestar co mundo urbano e o malestar co
mundo rural. Pódense dar os dous estados nun entorno rural ou nun entorno
urbano independentemente deste.
Todas as
vilas, cidades e urbanizacións que teñen zonas vellas no seu centro ou ao pé,
comezaron sendo aldeas ou lugares con poucas vivendas. Que estes lugares teñan
poucos fogares e habiten poucas persoas, nos mundos de hoxe, non teñen porqué
ser caracterizadas por economías limitadas á supervivencia. Se son encadras na
autosuficiencia, este atributo é un punto positivo e non ten que levarnos a
consideralo negativo. Todo o contrario. O rural claro que precisa de máis
atención para poder equiparar certos servizos ofrecidos exclusivamente en
moitas zonas urbanas pero, por estas limitacións non pode pasarse a desertar e
deixar abandonada estas zonas.
O concepto
de riqueza nun hábito urbano é alterado e moldeado moitas veces polo alto grao
de materialismo e consumismo establecido. A riqueza baseada só no diñeiro
monetario fai que outros valores coma poder estar en contacto diario coa
natureza queden desprezados ou anulados por completo. Rachando coa orixe que
nos dou o ser.
A
mentalidade adquirida de asociar a vida no campo á miseria é unha das causas da
desidia rural, é unha das razóns apolíticas de apoio e favorecedoras da
aceleración e caída demográfica do interior galego. O problema disto indica que
a base da economía de proximidade cada vez se limita máis, desfacendo a base da
subministración alimentar autóctona dun país.
Mentres haxa industria que permita gañar diñeiro parece que todo vai ben pero cando só se chega a abastecer á poboación con alimento do campo foráneo ao país, este está orfo do rural e vese claramente avivar unha crise e unha dependencia extrema dominada por un gran monopolio alimentario, apartado de todo control da súa sociedade.
Pode ollarse esta publicación nos seguintes xornais:
http://www.galiciaconfidencial.com/noticia/143442-campo-vida
https://www.farodevigo.es/deza-tabeiros-montes/2020/11/03/o-campo-da-mais-ca-22176761.html
Ningún comentario:
Publicar un comentario