martes, 9 de febreiro de 2010

David contra Goliat en Dozón

Logo da contestación en prensa que se fixo sobre o meu artigo de opinión publicado a semana pasada, "Dozón sen Temón" no xornal "Faro de Vigo", sen que a firmara ningén en concreto pero si escondéndose baixo o grupo de Goberno de Dozón, neste novo artigo analizo e aporto algunha que outra matización sobre a contestación recibida.
Mentres calquera proxecto non estea realmente acabado é imposible saber a cobertura ó 100% que vai ter. Hai que ver se realmente o da Deputación de Pontevedra é máis efectivo e garanta que a maioría dos veciños de Dozón gocen do servizo. Véxase os problemas que a día de hoxe aínda hai para ver a TDT en todo o municipio.
En relación ó custo do proxecto da Deputación de Pontevedra, o concello, claro que sae beneficiado, xa que a maioría do custo está financiado por fondos europeos. Hai que matizar que os proxectos promovidos por min, ó concello tampouco lle supón un custo real senón un custo de oportunidade que depende das inversións municipais que levaría acabo baixo o Plan E 2010. En ningún momento me refiro o custo do proxecto como tal senón o custo que lle toca pagar ós usuarios finais polo servizo contratado. Este, de todos os proxectos que pasaron polas miñas mans, era o máis barato para os veciños. Como potencial usuario do servizo de banda ampla sempre valorei máis o prezo que tería que pagar os usuarios finais que o custo do proxecto en si para dotar o servizo. Cabe recordar que no mes de xaneiro a Deputación de Pontevedra ampliou o presuposto de 6 millóns de euros a 10 millóns de euros aproximadamente para poder dotar o servizo en banda licenciada. O concello aínda que só poña 3.213 euros das súas arcas municipais , o custo total do proxecto da Deputación de Pontevedra é moito maior.
Cando xa se indica que o operador da rede é un operador cualificado, con licenza en toda España e que este será o que asuma o proxecto na provincia , estase afirmando que só un e ningún máis dos distintos operadores que hai no mercado galego exclusivo, optan o concurso. Afirmar que o prezo é altamente competitivo non ten cabida no presente caso se só compite o operador cualificado con licenza en toda España na adxudicación final do proxecto provincial. Na provincia de Ourense adxudicouse fai pouco un proxecto similar cun custo mínimo o usuario final de 39 euros/mes por un mega de velocidade por un operador con licenza en toda España. Sen embargo baixo as mesmas condicións, os proxectos que promovín, un deles tiña un prezo mínimo a metade menos có ourensán ó consumidor final. Deixo claro que en ningún momento me manifestei en contra do proxecto da Deputación de Pontevedra senón que os veciños tivesen para o verán a posibilidade de ter dúas ofertas de Internet. Así si que habería prezos competitivos ó consumidor final.
Por último, facer dunha iniciativa persoal (que teña como fin dotar un servizo de Internet nas mellores condicións , tanto económicas como de calidade , á vila de Dozón) unha confrontación política que non ten nada que ver co asunto a tratar é lamentable vindo dunha institución pública. Cos representantes municipais do BNG de Dozón nunca falei deste asunto. De feito, coma a maioría, enteráronse polo xornal ou de oídas por outras persoas.
Que terá que ver a miña inclinación ideolóxica ou política co de ter un servizo básico para Dozón? Só podo achacalo a que detrás da trama de poder asentada en Dozón hai moito interese en blindar as mentes e pensamentos dos veciños e veciñas co único fin de controlar a todos sen excepción para que ninguén se saia das liñas marcadas. Se sobrepasan esas liñas ponse o “aparato mediático” a funcionar para que se marque e marxine socialmente a persoa. Creo e sei que as persoas en Dozón son racionais e pensan por si soas, a parte de ser humildes e traballadoras. Co cal non sei a que ven todas estas acusacións persoais e con moi mala intención dese poder do que antes comentaba.

Dou as grazas en primeiro lugar, as persoas que me animaron a presentar esta iniciativa e conseguir que ó final a totalidade dos veciños de Dozón poidan ter un servizo digno e adecuado os tempos que corren coas novas tecnoloxías. Tamén agradecer ó grupo de goberno de Dozón por aceptar as miñas insistentes invitacións a reunirse para tratar o tema , aínda que fosen en instalacións de empresas privadas e non dependencias municipais.

mércores, 3 de febreiro de 2010

Dozón sen temón

 Logo das distintas xestións realizadas durante estes meses en relación a dotar banda ampla á totalidade do concello, cabe facer balance e calibrar ata onde un pode chegar cunha iniciativa individual apoiada pola maioría dos veciños de Dozón.

 O grupo de goberno do concello deixa en mans da Deputación de Pontevedra un servizo que tivo a oportunidade de ser o responsable de levalo a cabo. Estivo nas súas mans garantir á cidadanía un mega de velocidade a un prezo mínimo de 19€/mes como servizo mínimo a cada usuario.

 Non asumir ningún tipo de responsabilidade nin os custos que repercuten no beneficio da cidadanía déixanos a todos nun momento cheo de incertidume. A Deputación de Pontevedra aínda non decidiu cal será o prezo mínimo que terá que asumir o usuario final mantendo as mesmas condicións do servizo mínimo ofertado. Na Deputación de Ourense, un proxecto similar ó que se mantén na provincia de Pontevedra, anunciouse nos xornais que o prezo mínimo por un servizo de un mega de velocidade é moito maior ca iniciativa presentada estes meses no concello.

 As autoridades institucionais do concello teñen unha actitude bastante distante e moi pouco flexible á hora de atender a demanda social en relación a este asunto. A pasividade, por parte do grupo de goberno municipal, é case unha constante ante as necesidades que unha vila precisa e desexa para o seu futuro. Este servizo, aínda exclusivo no rural -só para xente con maior capacidade económica- non será o que máis urxe pero, se falamos das necesidades xerais que precisa a cidadanía, a actitude e bondade do goberno é moi semellante para todas elas.

 O resto de servizos que aínda non hai pódense citar nunha lista interminable: sumidoiros en todos os lugares, recollida de lixo selectivo, transporte público –en especial para a xente que carece de vehículo propio- mellora do servizo de atención a domicilio e axuda ós maiores, servizo de atención ós gandeiros (oficina agraria municipal con xente cualificada), mellora de camiños e rueiros nas zonas poboadas, solo industrial para ofrecer ás empresas co fin de crear postos de traballo, instalacións deportivas, biblioteca, gardería…

 Esta lista que amoso é pequena pero de seguro importante para solventar algunhas das demandas que poderían precisar os veciños e así mellorar o benestar de todos.
 Faltan políticas que reactiven a natalidade, que asenten máis poboación e dinamicen a economía na zona. Un vehículo que vai sen condutor pola autoestrada é ben evidente o que lle acontecería. O accidente sería evitable se o condutor non se ausentara durante a condución do vehículo. Este exemplo hipotético pretende clarificar e asemellarse ó goberno que hai en Dozón.
 Gañar eleccións municipais sen garantir estes servizos é para facer unha análise socioeconómica moi polo miúdo na zona. Os veciños ven como algo imposible ou a anos luz ter estes servizos básicos co cal estase a obstruír ou anular por completo as súas capacidades de manifestárense con normalidade para demandar e dispór deles como cidadáns libres e con dereitos.