venres, 27 de novembro de 2020

Unha corrente continuista non institúe democracia.

  É certo que todos son iguais cando non teñen máis cultura política cá española. Felipe, o político de vez, fixo a historia que lle ditaba a Coroa. O mando ese, que só fai que non fai pero non deixa facer democracia, agora é Felipe. 


 Na corrente política española, deste sistema monárquico parlamentario, séguese a estratexia de plantar novas vellas figuras para dar pé a que o pobo semelle e pareza representado pero non acaba sendo decisorio no que nos din que é o noso propio estado. 


  Esta central de criaturas do sistema só dá froitos para a monarquía e moitos custes para a cidadanía. Neste continuísmo seguimos atados, por monicreques servís e delegados da plutocracia tradicional católica e zuna absolutista que só son capaces de manter un poder sen as persoas do común. Sen a cidadanía do ben común.


   A organización criada no 15m xa chegou  á idade do servilismo, á idade da puberdade da súa verdadeira identidade. Nótase que non era do 15M, só estaban no 15m. Teñen dende sempre unha función acaparadora e catalizadora para facer unicamente fume e darlle máis tempo a unha institución medieval e anacrónica.


   Non se espere máis, a idade da cidadanía na política xa fai moito que chegou, é tempo de institucionalizala. A democracia ou faise radical ou simplemente non existe. A demagoxia é unha arte para a política no poder. O exercicio dos pobos para exercer o seu poder está instituída na democracia non nun rei.

mércores, 25 de novembro de 2020

25N: Un día feminino e magnánimo para repetir a diario.

O concepto feminista de hoxe en día nace no 1882 da man de Hubertine Auclert. Esta palabra logrou abarcar un conxunto de movementos políticos, sociais, ideolóxicos e filosóficos co fin común de conseguir para a muller uns dereitos ecuánimes e unha convivencia humana estábel por medio do apoderamento feminino e da liberación de padróns patriarcais, baseados en normas de xénero.

 

Permitiu entrar nun tempo novo, cun futuro aberto no que se recoñecía o papel e o espazo desta sen depender dun home ou estar anulada por este. Case vai xa século e medio dende este xurdir ata hoxe e a Humanidade segue pendente de ver froitos. Está por resolver un problema que é de xustiza social e de poder dar oportunidades para alcanzar que todas as persoas sexan iguais independentemente do seu xénero. 


A meta aínda non se ve. Compre continuar o camiño da reivindicación, da conmemoración e sobre todo da esixencia e da acción para cumprir o que é de boas e xenerosas persoas. Desexo que medren e veñan máis días feministas, hoxe é un deles. Parabéns a todas as mulleres. 

xoves, 29 de outubro de 2020

O Campo dá máis ca Vida.

No mundo urbano haberá outras comodidades pero no mundo rural hai moitas oportunidades e tamén moitas posibilidades a realzar e darlles valor. Que estas opcións non estean de moda ou que non sexan aceptadas pola influencia das liñas comerciais, centradas nas grandes superficies e orientadas a atomizar a sociedade, concentrando esta en edificios afastados da natureza, pois xa é un problema de visión, aberto e proxectado só nun modo de vida que erroneamente se ve como único para lograr o benestar. 

 

A xente afeita a falar mal do rural está cargada de prexuízos e tamén pode estar baseada nunha apreciación xerada dende un entorno illado do rural por ignorar que o mundo do campo é a base da economía, é o punto primario de partida que sostén a toda a sociedade.  

 

Os ciclos da mobilidade da poboación entre a cidade e a aldea, ou entre o urbano e o rural, seguen activos e continuarán producíndose constantemente no tempo . Precisamente este tipo de apreciacións que xera a cidadanía, segundo a etapa de benestar apreciada de forma xeral, debido á economía establecida e á política usada, son as forzas que definen o movemento da poboación. O feito desta apreciación non fai máis ca demostrar que se trata dun proceso subxectivo e non está vencellado de xeito directo, o benestar co mundo urbano e o malestar co mundo rural. Pódense dar os dous estados nun entorno rural ou nun entorno urbano independentemente deste.   

 

Todas as vilas, cidades e urbanizacións que teñen zonas vellas no seu centro ou ao pé, comezaron sendo aldeas ou lugares con poucas vivendas. Que estes lugares teñan poucos fogares e habiten poucas persoas, nos mundos de hoxe, non teñen porqué ser caracterizadas por economías limitadas á supervivencia. Se son encadras na autosuficiencia, este atributo é un punto positivo e non ten que levarnos a consideralo negativo. Todo o contrario. O rural claro que precisa de máis atención para poder equiparar certos servizos ofrecidos exclusivamente en moitas zonas urbanas pero, por estas limitacións non pode pasarse a desertar e deixar abandonada estas zonas. 

 

O concepto de riqueza nun hábito urbano é alterado e moldeado moitas veces polo alto grao de materialismo e consumismo establecido. A riqueza baseada só no diñeiro monetario fai que outros valores coma poder estar en contacto diario coa natureza queden desprezados ou anulados por completo. Rachando coa orixe que nos dou o ser. 

 

A mentalidade adquirida de asociar a vida no campo á miseria é unha das causas da desidia rural, é unha das razóns apolíticas de apoio e favorecedoras da aceleración e caída demográfica do interior galego. O problema disto indica que a base da economía de proximidade cada vez se limita máis, desfacendo a base da subministración alimentar autóctona dun país. 

 

Mentres haxa industria que permita gañar diñeiro parece que todo vai ben pero cando só se chega a abastecer á poboación con alimento do campo foráneo ao país, este está orfo do rural e vese claramente avivar unha crise e unha dependencia extrema dominada por un gran monopolio alimentario, apartado de todo control da súa sociedade.


Pode ollarse esta publicación nos seguintes xornais:


http://www.galiciaconfidencial.com/noticia/143442-campo-vida 

https://www.farodevigo.es/deza-tabeiros-montes/2020/11/03/o-campo-da-mais-ca-22176761.html



xoves, 22 de outubro de 2020

A moción da dictadura.

   VOX é o aparato do reiNO para preservar a oligarquía. VOX é a arma da Coroa para manter a súa monarquía parlamentaria. VOX é o gromo actual da Spain fabricada, da Spain montada e encaixada dende unha embaixada que no 1936 fixeron unha emboscada á democracia. O poder representado pola cidadanía destes territorios ibéricos causóulles e segue a causarlles ameaza aos seus intereses. No 1936 provocaron unha guerra e millóns de mortos, tamén fieis a eles. Non lles importa a vida de ninguén. Queren volver a gromar eses tempos porque saben que lles dou un resultado. Son os donos do medo, son os donos do odio, son os artífices dun novo plan para únicamente volver a concentrar o poder. Totalizar e dictar o seu resultado nun territorio baixo normas e intereses afastados da poboación civil, apartadas de dereitos e liberdades.

   A democracia non se contrúe nun día pero a dictadura si. Avivar e apoiar, ou simplemente absterse ou ser indiferente ante esta organización é ser partícipe da eliminación da democracia.

domingo, 2 de agosto de 2020

Tempo de enxertar a democracia da política de verdade.

 Certo é que a Constitución española do 1978 é un marco regulado baixo a Coroa dos Borbóns, tamén é, o obstáculo angular para lograr a chegada de establecer un Estado de Dereito acatado en plenitude polos Pobos deste reiNO.

 A situación pasa  pola rebelión a unha monarquía corrupta e chea de poder agromada dun réxime ditatorial co fin de alcanzar unha xusta democracia emanada da sociedade dos pobos.

 Sempre e cando toda a forza da sociedade teña valentía e constancia no tempo para expulsar politicamente, das institucións democráticas, as oligarquías establecidas e sexa capaz de dinamizar e tecer ideas propias dun Estado Cívico e non sometido ao poder dominante , chegarase a un establecemento claro de poder popular.

 Deixar atrás a tiranía parlamentaria e as milicias sucesorias de monarquías absolutistas , durante este proceso transitorio cara a democracia, tamén é fundamental para unhas metas socioeconómicas prósperas das Repúblicas Populares Ibéricas e entrar así nun tempo novo, propio da modernidade no que o idioma político e a norma estea entaboada unicamente coa palabra cívica, clara e culta das persoas que conforman as culturas plurais e diversas desta península. 

 Camiñar no presente dando pasos con estas liñas é o propio de estruturas avanzadas de fortes movementos activos da política que nos dá a vida cando se apalpan e ve que existen unhas sementes de culturas democráticas e non braveiros coma touros de lidia de ditaduras herdeiras pasadas.

 Toca enxertar a democracia para que floreza a liberdade e haber, na práctica, a política de verdade.

  Podes atopar este artigo nos seguintes xornais:


luns, 15 de xuño de 2020

A política de apoio e mellora agraria non debe ser só auxilio

Todos os sectores, sexan do primario ou da industria transformadora, reciben apoio económico con menor ou maior contía. O asunto fundamental é se esa axuda, e todas as estratexias políticas cara o sector, permiten sostelo, garantindo a continuidade no tempo dunha actividade atractiva e con réditos para investir nela dende o inicio da mesma. 

A economía primaria, e en concreto a produción do leite, debería contar con poder suficiente para permitir marcarse a súa propia marxe de beneficio sen estar fixada de maneira esóxena por outros actores. A gobernación pública debería arbitrar e tutelar o cumprimento desa regra de transparencia.

O arranque e desenrolo do tecido primario na Galiza ten moito potencial que tampouco está a ser activado. Canalizar e dinamizar as liñas que deberían facerse, con ferramentas que aporten complementos de valor, sen contaminar o prezo do litro de leite, seguen a estar pendentes. 

O prezo do leite é o resumo de toda a actividade. É o final dun valor trasladado, que debería ser o xusto, sen alteracións, sen perturbar o verdadeiro importe. Fixado e cotizado no mercado coas leis dunha dinámica transparente e atada a forzas tendentes a dar un valor optimizado de todas as contías variábeis da transacción ata o consumidor final. Unhas forzas que tamén impulsen a obtención dunha ganancia razoábel e equitativa a todos os entes xeradores da cadea de valor contando co ente produtor.

Por desgraza, neste país, o prezo vénnos dado e a manobra que nos queda é axustar, na medida que poidamos, os custes de aquelas variábeis relativas totais máis manexábeis dese valor final.  A tarefa case se ve como misión imposíbel cando nin iso se dá controlado. Por iso, a importancia de ter unhas liñas de apoio indirectas máis importantes, sen que afecten á baixada do prezo do leite é esencial. E non me refiro a un aporte só económico senón, ao de forzar unha maior amplitude da importancia que ten o sector primario na economía local do entorno. As gandarías son a base e sustento fundamental. É o comezo da xeración dun alimento de primeira necesidade. Coidar e garantir este ente económico e social no rural ten que ser primordial na política galega.
Hai moitas estratexias posíbeis á hora de poder facer valer a demanda dos produtos nosos, sen caer en políticas intervencionistas ou agresivas contra o foráneo. Suíza márcase obxectivos nesa liña, afronta un escenario que permite ás ganderías ter ganancias acordes. Francia, sendo membro da UE coma Galiza, tamén xoga nese papel.
O ente produtor de calquera sector primario debe funcionar cunha marxe de beneficio vinculada ás ganancias dos intermediarios sen escalar beneficios no prezo final ao consumidor. Non se trata dunha técnica de fixación de prezos regulados explicitamente nin independentes da interacción da demanda coa oferta. Trátase de estruturar un modelo no que se distribuían as marxes ganancias a todos os partícipes do ben producido e engadido nesa cadea ata o usuario final.
O futuro é incerto pero a política apropiada e adaptada a un sector, que demanda un horizonte de prosperidade, debería aparecer axiña e fixarse en trazar un contexto estábel para todos.

Este artigo tamén se atopa nos xornais:



venres, 12 de xuño de 2020

O monte galego: mina de ouro na superficie.

  O fundamental na política da xestión do monte do noso territorio é encauzar liñas plurais de revalorización e incentivos variados para a actividade da industria e do entorno forestal, empregando a gran variedade autóctona da materia prima que xera Galiza. Poñendo un exemplo concreto, tan importante é producir madeira como lograr cerrar o ciclo da actividade que xera esta aquí. Apoiar a apertura e desenvolvemento de negocios locais, tecéndoos neste ciclo, e non só limitarse a exportar para que outros de fóra, transformen e engadan valor a algo que debería facerse aquí. Con isto existirían unha variedade importante de empresas privadas e públicas que manterían un campo industrial e servicial forte á cidadanía galega.

  É unha mágoa que cando se empregan as palabras forestal e Xunta na mesma frase se monopolicen para referirse á celulosa e a os lumes. E é precisamente a propia Xunta, gobernada polo partido popular, quen se encarga de alimentar esta visión. Direxe políticas para dous negocios, o da celulosa e o da extinción. O resto é marxinal e nós somos meros espectadores afectados dunha explotación tan amañada e tan cerrada, apartando todos os beneficios posíbeis da cidadanía en xeral que, igual que as raíces do eucalipto desertizan o sólo de auga e minerais, a vida de cada galego queda baleira. É tal a magnitude deste proveito particular que a vida aos galegos quédalles foca, e tampouco lles permiten aproveitar nada que non sexa a prol das directrices políticas caciquís dos seus tecidos clientelares. Isto é o que empobrece este país.

  A sabia que empapa unha cultura forestal máis diversa e sobre todo chea de valor e riqueza, non só pecuniaria e de lucro, senon tamén sentir  fortuna da conservación da reserva natural, propia dun país milenario, é a que debería circular. 

  O sacrificio por unha sociedade cívica e ben formada neste campo tamén lograría emerxer praxes adecuadas, permitindo asentar unha conciencia colectiva sobre un monte rico, apreciándoo tanto coma o ouro o é para o xolleiro.

  O quilate deste asunto baséase niso, na reflexión e o debate constructivo, cooperando, sen derruír o entendemento e matizando cada paso para andar firme e ben enraizado no camiño forestal. 

  Este feixe estratéxico, sendo o obxetivo na gobernanza, daría bos resultados, non só á sociedade senon tamén ao seu medio natural e á calidade de vida no rural. Melloraría todo de maneira sustancial.

domingo, 7 de xuño de 2020

A Galiza, fonte máxica de vida.

  O territorio galego foi, é e será berce dunha cidadanía maga, singular e dona de si. Permite ser fecundo de pobos transmisores, cunhas vías de sabia e mestría seculares. Baixo tempos máxicos e acompasados co astro emisor ha dar uns raios verdecentes e a traveso dun ar xerador,  un prácido fungar.  A esperanza dá a vida eterna, e agourada por todos hase atopar. Galiza punto de encontro, hábitat de bo exemplar.

sábado, 6 de xuño de 2020

Na terra de colonos só hai tronos

  Os dereitos humanos nos EEUU aínda non se ven. Seguen a ter calamidades dirixidas por unha civilización atrasada e moi desfasada do que debería ser unha sociedade evolutiva e garantista da humanidade.

  Faltan valores éticos. Teñen a necesidade dunha concienciación colectiva máis alá dos privilexios salvaxes. Precisan inculcar un conxunto de dogmas traballados dende a paz, transversal a todo o mundo. Non deberían limitarse a xerar, dende o oportunismo singular, climas experimentais e escenarios proxectados nunha base unilateral dun tipo de cultura orquestada pola contorna do diñeiro e traficado sen ningunha regra social.

  Continúa a ser un territorio de foráneos, sen valores enraizados en aborixes. A natividade foi erradicada moitos séculos atrás e continúan esa metodoloxía nos seus hábitos diarios. Vese, a leguas, que aínda perduran con esa praxe. Na terra de colonos só hai tronos.

luns, 27 de abril de 2020

A desescalada que non debe existir na saúde pública.

  Que vos parece a lexislación favorecendo os intereses privados no lucro da asistencia sanitaria sen perder a garantía duns servizos dignos e sempre soportados por uns prezos pagados polo usuario acordes ao mercado? 

  Típica pregunta formulada pola ideoloxía da dereita e traducida por todos nós como o desmantelamento do servizo público sanitario universal. 

  Este proceso lexislativo que encanta a votantes nunca é asumido por estes debido ao nulo entendemento da pregunta formulada ou á desmesurada empatía polo patrón liberal que lles causa o desexo de ter eles tamén dito lucro. As dúas razóns son de igual peso; malas e negativas para unha sociedade que se sinte progresista. Esta proposta e debate xera derivas cara a desigualdade e a penalidade na asistencia sanitaria dun país.

  A reflexión e a meditación dun pensamento positivo e garantista dun servizo esencial na sociedade, é o pé para mellorar esta ao longo do tempo, sen caer en desescaladas que erosionan garantías logradas. Consolidadar de maneira continua no presente, cara o futuro, un benestar de calidade na saúde da cidadanía, pasa por chegar a empatizar nas persoas esta situación e non limitarse só a do mercader sen ter feira.

venres, 17 de abril de 2020

Chíos altos, píos baixos: sons de reiNO.

 Seica entraron a comandar un reiNO persoas alleas aos intereses das oligarquías tradicionalistas establecidas.

 Estes intrusos dificultarían moito o chuchar que manteñen dende tempos os parasitos deste sistema defunto. Neste escenario, poderíanse comprometer as operacións secretas de alto rango. Se saen á opinión pública todas as artes practicadas neste reiNO a causa entra nunha fase de contracción e  adaptación radical que toca orquestar paulatinamente novas formas.

 Non se fían dos actores electos comandados pola cidadanía e, tócalles gardarse das prácticas democráticas e transparentes, mostrando novos métodos fóra do ben común pero diluídos como ben xeral, unificando e centrando todo o asunto na defensa do dictado contraído polo gran leal. 

 O conto este ata podía ser real.

venres, 10 de abril de 2020

O ingreso mínimo vital existe antes que o do capital.

Que non te enganen, a renda básica universal é un dereito non unha caridade.

Partindo de que un dos ideólogos desta renda mínima, garantizada, incondicional  e posibilitadora da liberdade individual, naceu nun condado de Inglaterra e logo foi promotor do liberalismo e da democracia e tamén fundador dos Estados Unidos de América (Thomas Paine) non se trata dunha simple proposta de ideoloxías de esquerdas. Este pensador tamén foi un firme  defensor do agrarismo e no seu relato titulado, Xustiza agraria (1776), comenta que o cultivo é como mínimo un dos maiores avances naturais xamais feitos pola invención humana.
Neste sermón continúa dicindo que o ser humano multiplicou  por dez o valor da terra creada pero o monopolio territorial que se iniciou con él producíu tamén o maior dos  males. Desposeeu a máis da metade dos habitantes de todas as nacións da súa herencia natural, sen proporcionarlles, como debería haberse feito, unha indemnización por esa perda e creouse así unha especie de pobreza e miseria que antes non existía.

Este liberal está defendendo un dereito. Alega claramente polo valor perdido, debido a unhas prácticas dun sistema desigual e pretende retornarlo ao seu estado natural antes da civilización.

Non defende unha caridade senon a recuperación dun sustento innato da especie humana dende o seu nacemento. Deus como creador non fixo ricos e pobres, él, só fixo a muller e o home e deulles a terra como herencia para a súa vida nela, reflexiona.

mércores, 1 de abril de 2020

Salta o coronavirus

A bondade con vontade
fortalece a vitalidade.

A sociedade con piedade
establece a solidariedade.

Cun tempo agraciado
vese un potenciado.

Cun alento adiantado
tense un impulsado.

Neste tramo de escalada
desexa un a baixada.

Con enxeño e parada
aparece un coa escada.

Sube agora seguro,
o destino ten futuro.

A esperanza asume
a chegada ao cume.

Firme e con saúde
a bonanza acude.

venres, 27 de marzo de 2020

A solidaridade no capitalista non existe

  O capitalista é un mercader instrumental oportunista, creador dunha débil actitude solidaria.

 A solidariedade que propicia o capitalista é algo pasaxeiro, efémero, superficial. Movilízase polo emotivo, coma calquera mal crego no seu altar, tratando de ensinar a palabra dende a Fe, sen dar a coñecer máis alá da palabra de Deus, sen amosar como foi a verdadeira Obra do Señor. Falta practicala e demostrala.

 En xeral, o capitalista, coma outros moitos personaxes emerxentes neste sistema capitalista, provocan só unha fráxil comprensión do  verdadeiro concepto de solidaridade e cooperación. Teñen outra intención. Desexan dende as súas sabias que o estado de transformar a situación en igualdade nunca suceda. O compromiso estable no tempo, de fomentar e consolidar a igualdade non sae de forzas emotivas, senon de sacrificio e obras do día a día, con feitos ao longo do tempo. O resto é só para querer quedar ben, no momento ou para deducir na renda os seus beneficios sen querer cambiar nada do que está estructurado.

 Blindar o lucro é o que o caracteriza, é o predominante do seu ser, non a solidaridade.

martes, 10 de marzo de 2020

A ficción dun virus en acción: "trompe-l'œil"

 O chamado coronavirus é envolto e usado, máis alá da propia necesidade sanitaria para a súa erradicación, como ferramenta útil dunha crise sistémica do modelo actual.

 Neste contexto xérase o escenario, propicio e acaido, para que un sistema, decadente e inxusto, sexa garante da súa ociosa habilidade de hibernación e reconversión. 

 As ansias de transformación, para a súa adaptabilidade, amoldada ao seu fundamento exclusivo de lucro, afectando de maneira contínua as desigualdades e os dereitos da poboación, están xa en marcha.

 A desaceleración necesaria da economía, basada no consumismo, xustifícase coma un trallo co fin de garantir un capitalismo que se ve famento de recursos e necesitado dun mercado que é baleiro de poder adquisitivo. 

 Para poder revivir da súa propia ruína, como modelo sostíbel, a trama xa está encamiñada e en acción.


martes, 25 de febreiro de 2020

Tecnoloxía para rehumanizar se o afán individual do capitalismo o permite.

 Se fai medio século necesitábase unha xornada laboral, hoxe só compre unha hora e media para facer ese mesmo traballo.

 Neste contexto, a evolución laboral debería favorecer e incrementar o tempo adicado a outras facetas da vida, gañando tamén a productividade no tempo que se emprega para producir e incrementar o valor na sociedade da economía en conxunto.

 A ganancia propia, da remuneración percibida pola persoa empregada, debería salvar certas limitacións pasadas para dispoñer da posibilidade de adicarse a facetas fóra da vida laboral.

 A situación sería propicia para resultar así sempre que funcione a economía do ben común e non a economía da especulación. A sorte baixo o desamparo dun seguro sen protección nen garantías da súa aplicación non debería existir.

 A desintegración de valores sociais por valores cada vez máis individuais, illados e pouco humanos, primados polo propio fundamento do capitalismo, por acumular máis poder pecuniario en favor da deshumanización do conxunto da economía na que se asenta, xera unha forza latente e persistente de tal magnitude e ao mesmo tempo invisíbel que é moi difícil de reducir en favor doutros modos de ordenar a economía.

 A tecnoloxía productiva tutelada polo capitalismo entra nunha fase de absolescencia se non aporta melloras á economía máis alá da rapidez e comodidade na producción de servizos e produtos. Deixa de ser tecnoloxía se non favorece a conciliación. Estará caduca se non permite dispoñer de posibilidades para vivir en sociedade. Será arcaica se non protexe a economía do benestar, a economía global da comunidade sostíbel nun medio natural soportado coa integración do hábitat que nos dou o ser.

 A conciencia doutra economía con ferramentas avanzadas para dispoñer e usar na comunidade deben emerxer co fin de salvar a humanización e sobre todo permitir continuar existindo nun mundo como seres humanos e non como máquinas ou robots controlados baixo algoritmos definidos con parámetros dictados ponderando obxetivos nada sociais polo ben común.

luns, 24 de febreiro de 2020

O feminismo: materia de igualdade non só na ensinanza.

 Dispoñer máis doadamente de fontes obxetivas, documentadas no plano informativo e formativo e non tan só reinvindicativo, e con contidos para asentar coñecementos máis alá dun problema social encamiñándoo na consolidación dun dereito básico fundamental a ensinar na docencia e nas ciencias sociais de convivencia, a diario, e en todos os ámbitos da vida, é esencial para o fortalecemento das persoas coa habilidade de practicar, con naturalidade, a igualdade efectiva no noso país.

xoves, 20 de febreiro de 2020

A natureza volverá, a nosa especie non.

 Quitar unha árbore e poñer no seu lugar un anuncio para preservala. É así como se definen, tal cal, os tempos da mercadotecnia, petando de fronte coa realidade do desastre que nos provoca o mercado do consumismo. A conciencia natural do ser humano sobre a natureza que nos dá a vida tamén desaparecerá e só nos quedará a ilusión do habido. De non actuar doutro xeito a situación empeorará cada vez máis alá ata tal punto que xa non haberá retorno para reparar o noso hábitat e iremos para alá, sen volta definitiva, como especie extinta.

martes, 11 de febreiro de 2020

En democracia recente é bo ter a receita presente

 Usar a liberdade como defensa dun discurso que xira, na súa esencia, sobre a represión, o terror é a honra do mal para lucro unitario á conta da totalidade da sociedade é ser cómplice e vogal dunha histórica recente dictadura.

 Ser contundente, firme e radical coa erradicación de todo ideal de sometemento pasa por dominar o seu fundamento e críticar o que o sostén para sabelo argumentar por medio da palabra coa boa educación que nada ten que ver co uso de tal pin parental.

 Non deixarse asoballar e, pecuniariamente, alinear coa bagaxe da oligarquía imperante, darase sustento ó estrato que permitirá nutrir a política da verdadeira democracia, fortalecendo a súa saúde e dando bos frutos cos que alimentarán as ideas da sociedade, en igualdade, prendendo a bondade en todas aquelas persoas que así a desexen exercitar.

 O resto resta valor de progreso coma sempre se demostrou nos ciclos das sociedades da humanidade onde emerxen guerras e virulentas destruccións que nada axudan a vivir en paz.

 Coa harmonía tecida neste pensar espero que esta lectura aportara algo no camiñar cara a consolidación da democracia aínda recente e moito por madurar.