Sr. Aurelio Fernández Villaverde,
por nacer no Concello de Dozón quero manifestarlle o meu desacordo coa súa
carta en relación o Sr. Adolfo Campos Panadeiros. Este señor é rexedor de Dozón
dende fai moito tempo pero non por iso se pode dicir que o fixo ben por Dozón.
Tivo tempo de abondo para facer moito polo ben de todos neste concello pero ata
hoxe só se dedica a facer o que lle interesa sen acordarse en ningún momento de
que rexe un cargo público. Aínda, a día de hoxe, non lle vin facer nada polo
ben común. Iso si, algunha vez que outra, polo ben privado de algún veciño que
se lle rende ós seus pés para pedirlle algún favor, si se moveu, pero sempre co
voto na outra man. Se vostede considera que iso é facelo ben estará a falar de
épocas caciquís e non de tempos democráticos, no que a transparencia e o ben
común deberían estar no interese de todos os políticos.
Os veciños de Dozón que apoian ó
señor Adolfo Campos & Cia, eleccións tras eleccións, fano por que están
acostumados os favores privados dende un cargo público a cambio do seu voto.
Aínda que esta é a forma primitiva de gañar eleccións segue a ser a práctica
habitual neste concello do interior de Galiza. Mentres non se rexenere
socialmente este comportamento, pode haber novos candidatos, ata do mesmo PP,
máis idóneos que Adolfo Campos & Cia, que o poder municipal seguirá a
funcionar como ata o de agora coa súa actividade caciquil. Esta persoa non gaña
as eleccións por facelo ben senón por ter o control daqueles que viven a conta
del, sexa por medio das súas empresas ou pola relación interesada e vencellada
ó concello.
Para demostrarlle que non
comparto as súas afirmacións invítoo a que faga unha excursión polas aldeas de
Dozón e descubra por si mesmo a situación real deste concello. Para coñecer o
nome de cada aldea debería preguntar a xente do lugar xa que algúns dos rueiros
ou están mal indicados, xa que non seguen o nomenclátor oficial, ou non existen
indicacións. Algunha das carencias que existen a día de hoxe son os sumidoiros
en todos os lugares, recollida de lixo selectivo, en especial os das
explotacións gandeiras. En todos os lugares, as augas residuais son vertidas a
rúa sen haber ningunha depuradora que controle este tipo de residuos. Tampouco
hai transporte público -en especial para a xente que carece de vehículo
propio-, nin se mellora o servizo de atención a domicilio e axuda ós maiores.
Tratándose dun concello agrario carécese de servizo de atención ós gandeiros
(oficina agraria municipal con xente cualificada) e tamén carécese dunha
mellora de camiños e rueiros nas zonas poboadas. Débese esperar a uns meses
antes das próximas eleccións municipais para ver algún que outro camiño
arranxado pola empresa que sempre fai as obras municipais. O solo industrial
para ofrecer ás empresas que non están vencelladas o rexedor, co fin de crear
postos de traballo, non existe. Tampouco existe un acceso a Ourense pola
autoestrada dende Dozón. As instalacións deportivas, biblioteca e gardería son
demandas que quedan a anos luz debido a nula vontade política por asentar
poboación en Dozón. Iso si, existe un tanatorio que o rexedor considera unha
obra fundamental hoxe en día para servir a cidadanía.
Este artigo tamén se atopa no xornal: