mércores, 7 de xullo de 2010

Visita Dozón

  Sr. Aurelio Fernández Villaverde, por nacer no Concello de Dozón quero manifestarlle o meu desacordo coa súa carta en relación o Sr. Adolfo Campos Panadeiros. Este señor é rexedor de Dozón dende fai moito tempo pero non por iso se pode dicir que o fixo ben por Dozón. Tivo tempo de abondo para facer moito polo ben de todos neste concello pero ata hoxe só se dedica a facer o que lle interesa sen acordarse en ningún momento de que rexe un cargo público. Aínda, a día de hoxe, non lle vin facer nada polo ben común. Iso si, algunha vez que outra, polo ben privado de algún veciño que se lle rende ós seus pés para pedirlle algún favor, si se moveu, pero sempre co voto na outra man. Se vostede considera que iso é facelo ben estará a falar de épocas caciquís e non de tempos democráticos, no que a transparencia e o ben común deberían estar no interese de todos os políticos.

  Os veciños de Dozón que apoian ó señor Adolfo Campos & Cia, eleccións tras eleccións, fano por que están acostumados os favores privados dende un cargo público a cambio do seu voto. Aínda que esta é a forma primitiva de gañar eleccións segue a ser a práctica habitual neste concello do interior de Galiza. Mentres non se rexenere socialmente este comportamento, pode haber novos candidatos, ata do mesmo PP, máis idóneos que Adolfo Campos & Cia, que o poder municipal seguirá a funcionar como ata o de agora coa súa actividade caciquil. Esta persoa non gaña as eleccións por facelo ben senón por ter o control daqueles que viven a conta del, sexa por medio das súas empresas ou pola relación interesada e vencellada ó concello.
  
  Para demostrarlle que non comparto as súas afirmacións invítoo a que faga unha excursión polas aldeas de Dozón e descubra por si mesmo a situación real deste concello. Para coñecer o nome de cada aldea debería preguntar a xente do lugar xa que algúns dos rueiros ou están mal indicados, xa que non seguen o nomenclátor oficial, ou non existen indicacións. Algunha das carencias que existen a día de hoxe son os sumidoiros en todos os lugares, recollida de lixo selectivo, en especial os das explotacións gandeiras. En todos os lugares, as augas residuais son vertidas a rúa sen haber ningunha depuradora que controle este tipo de residuos. Tampouco hai transporte público -en especial para a xente que carece de vehículo propio-, nin se mellora o servizo de atención a domicilio e axuda ós maiores. Tratándose dun concello agrario carécese de servizo de atención ós gandeiros (oficina agraria municipal con xente cualificada) e tamén carécese dunha mellora de camiños e rueiros nas zonas poboadas. Débese esperar a uns meses antes das próximas eleccións municipais para ver algún que outro camiño arranxado pola empresa que sempre fai as obras municipais. O solo industrial para ofrecer ás empresas que non están vencelladas o rexedor, co fin de crear postos de traballo, non existe. Tampouco existe un acceso a Ourense pola autoestrada dende Dozón. As instalacións deportivas, biblioteca e gardería son demandas que quedan a anos luz debido a nula vontade política por asentar poboación en Dozón. Iso si, existe un tanatorio que o rexedor considera unha obra fundamental hoxe en día para servir a cidadanía.

  Todas estas demandas e as que quedan por citar son carencias municipais que un rexedor debería ter en conta e solucionar se realmente lle interesa a xestión pública dun concello. Reactivar a poboación e a idea de crear futuro en Dozón son estratexias moi caducas para os gobernantes actuais desde concello dezao. De seguro que por parte da alcaldía dise que non hai fondos para todas estas demandas sociais por ser un concello pequeno e que é difícil reactivar a natalidade, de aí que se opte por ter un tanatorio. Por parte do señor Adolfo Campos & Cia non se ve ningún tipo de interese nas xestións públicas, trátase dun concello que está abandonado de toda responsabilidade pública. Cando se abandonan as funcións públicas desta maneira sempre aparecen as veciñas institucións municipais da comarca a ofrecerse para tomar as rendas e poder subordinar as competencias municipais por medio da fusión ou absorción de concellos. Tempo ó tempo verase o dito. Ou non?

Este artigo tamén se atopa no xornal:

Ningún comentario:

Publicar un comentario