mércores, 27 de maio de 2026

O "MOSAICO" DA AUDIENCIA NACIONAL CONTRA ZAPATERO: XUSTIZA OU ESTRATEXIA DE DESGASTE ELECTORAL?

O escenario político e xudicial no Reino de España volve saudarnos cun movemento de placas tectónicas que sacode os alicerces do Estado de dereito. A imputación do expresidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero, por parte do xuíz da Audiencia Nacional José Luis Calama na peza separada do "caso Plus Ultra", abriu un debate que vai moito máis alá do puramente penal. Estamos ante a persecución real dunha trama de corrupción transnacional ou ante unha calculada estratexia de comunicación baseada en suposicións para minar electoralmente ao Executivo?



Para entender o alcance desta causa —cualificada por sectores xurídicos e polo propio contorno do expresidente como un caso paradigmático de "lawfare" ou guerra xurídica—, compre debullar os elementos dun sumario que se sostén sobre fíos tan complexos como sumamente polémicos.

O orixe de todo: A "caixa de Pandora" de Miguel Palomero

O fío condutor que permitiu á Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal (UDEF) construír este caso non naceu de documentos asinados por Zapatero, senón do teléfono móbil de **Miguel Palomero**, un avogado en exercicio situado polos investigadores como un presunto intermediario financeiro da rede.

Tras o rexistro do seu despacho, a policía envorcou as conversas do chat privado "Danilo-España", que Palomero mantiña co bróker venezolano Danilo Diazgranados. É nese espazo privado onde aparecen mencións a terceiros baixo supostos alcumes como "Zorro", "Z" ou "ZZZ" para referirse a Zapatero.

Aquí reside o primeiro gran choque de interpretacións:

* Para a acusación: Estas conversas son o reflexo dunha rede que utilizaba as altas influencias políticas do expresidente para mediar a favor do polémico rescate público de 53 millóns de euros á aeroliña Plus Ultra en 2021.

* Para a defensa: Trátase dun clásico caso de "actos de terceiros". Dous investigados falando nun chat privado e utilizando o nome dun expresidente para darse importancia ou xustificar minutas e comisións ante os seus clientes, sen que o propio Zapatero tivese a máis mínima participación nin coñecemento.

O "mosaico" de indicios: Probas ou conxecturas mercantís?

O auto do xuíz Calama detalla un entramado de preto de 40 sociedades e máis de un centenar de transacciones financeiras onde se investigan presuntos delitos de tráfico de influencias, blanqueo de capitales, organización criminal e falsidade documental.

Entre as medidas máis agresivas ordenadas polo xulgado atópase o bloqueo preventivo de contas a Zapatero por valor de case 500.000 euros, cantidade que a UDEF vincula a unha das firmas analizadas (Análisis Relevante). O xuíz apoia a necesidade de investigar sinalando a existencia de "facturas duplicadas" ou contratos con cláusulas idénticas que duplicaban o prezo de mercado.

Porén, dende a óptica contable e da defensa, este "mosaico" non se sostén:

*Os escritos presentados polas empresas salpicadas denuncian erros manifestos por parte dos axentes da UDEF.

*O que a policía cualifica de "artificiosidade criminal", os avogados deféndeno como correccións contables ordinarias, erros administrativos habituais ou facturas rectificativas propias do tráfico mercantil internacional.

*Insístese en que todos os ingresos de Zapatero ou o seu contorno responden a actividades de consultoría e conferencias internacionais privadas, transparentes e plenamente legais.

A "Pena de Telexornal" e a axenda de minado electoral

O aspecto máis preocupante dende unha perspectiva de calidade democrática é o uso dos tempos e a proxección pública do caso. Como denunciaba recentemente un maxistrado xubilado ao afiliarse ao PSOE en sinal de protesta, o proceso xera unha alarmante sospeita de instrumentalización.

Nun Estado de dereito, a condición de investigado (imputado) é unha garantía xurídica para poder defenderse. Porén, no taboleiro político transfórmase de inmediato nunha condena pública. A estratexia de axendar unha comunicación constante de suposicións e titulares —aínda sabendo que a causa se pode arquivar meses despois por falta de probas directas— cumpre o seu obxectivo político prioritario: depredar a confianza do electorado e minar a flotabilidade do Goberno dende a sombra.

A personificación de partidos políticos e asociacións da órbita da extrema dereita como acusación popular reforza esta tese. Os xulgados convértense, así, nunha canle para estirar procesos baseados en conxecturas coa única finalidade de xerar un goteo incesante de portadas mediáticas.

A sombra de Washington: Inxerencia estranxeira nos tribunais españois?

A polémica adquiriu unha dimensión xeopolítica internacional tras as duras declaracións do deputado Enrique Santiago (Sumar). Segundo Santiago, a reactivación do caso non responde unicamente a dinámicas internas, senón a unha estratexia coordinada na que os principais líderes da oposición española estarían "recibindo instrucións" dentro da embaixada dos Estados Unidos.

A tese que se pon sobre a mesa é que o proceso penal contra o expresidente Zapatero busca criminalizar actividades de consultoría e mediación internacional que son plenamente lícitas, co único obxectivo de facerlle o "traballo sucio" a Washington na súa persecución das redes financeiras que esquivan as súas sancións unilaterais. De confirmarse esta liña, non estariamos só ante un caso de desgaste electoral doméstico, senón ante unha alarmante inxerencia estranxeira que utiliza a xustiza española para dirimir disputas políticas internacionais.

O veredicto do tempo

O caso Plus Ultra e a imputación de Rodríguez Zapatero atópanse nun punto de non retorno. Se a Audiencia Nacional non é quen de achegar nas vindeiras citas xudiciais probas materiais, directas e irrefutables que vaian máis alá das interpretacións de chats de terceiros ou de erros de facturación, a causa quedará gravada na historia recente do Reino de España como un dos intentos máis agresivos de utilizar o aparato xudicial como arma de destrución política masiva.

A xustiza ten a obrigación de investigar, pero tamén o deber de non converterse no instrumento involuntario de quen busca gañar nos xulgados o que non logran conseguir nas urnas.

domingo, 3 de maio de 2026

BIOMETANO: SOLUCIÓN AMBIENTAL OU UNHA TRAMPA DE VOLUME PARA AS NOSAS GRANXAS?

Moito se está a falar ultimamente das plantas de biometano como a gran solución para os excedentes de xurro en zonas de alta actividade gandeira. O discurso oficial dinos que estas instalacións "limpan" o agro e xeran enerxía verde. Pero, se analizamos a realidade técnica e os balances de masa, a verdade é moito máis incómoda: as plantas de biometano non eliminan o problema, senón que o concentran e complican.

Neste artigo imos explicar por que este modelo, tal e como se está expoñendo en moitos proxectos, pode ser unha "trampa vestida de verdade".

A primeira gran mentira: "O xurro desaparece"

Unha planta de biometano non é unha incineradora. É un proceso biolóxico onde as bacterias "comen" unha parte da materia orgánica para facer gas. Pero a materia nin se crea nin se destrúe.

• O balance de masa: Entre o 90% e o 95% do que entra no dixestor sae polo outro lado en forma de dixestato (un residuo líquido).

• O aumento de volume: Como o purín só ten pouco gas, as plantas engaden silo de millo, restos vexetais ou residuos industriais para seren rendibles. O resultado? Se unha granxa entrega 1.000 toneladas de purín, a planta devólvelle 1.300 ou máis toneladas de dixestato. O gandeiro acaba con máis líquido que mover e repartir que ao principio.

O perigo químico: Nitróxeno máis agresivo

O biometano quita o carbono (gas), pero deixa o nitróxeno. É máis, transfórmao. O nitróxeno orgánico do purín convértese en nitróxeno amoniacal.

• Este nitróxeno é moito máis soluble (fíltrase rápido á auga se chove) e máis volátil (pérdese no aire como amoníaco).

• Ao ser un "chute" directo para as plantas, se non se bota no momento exacto e coa maquinaria de precisión adecuada, o risco de contaminar os acuíferos é moito maior que co purín cru.

A trampa dos 170 kg e a falta de terra

A normativa de Zonas Vulnerables prohibe botar máis de 170 kg de nitróxeno por hectárea ao ano. Aquí é onde a matemática colapsa o modelo:

Se a planta concentra o nitróxeno de moitas granxas e engade residuos externos, o digestato resultante está "cargadísimo". Para repartir ese novo volume legalmente, necesitaríanse miles de hectáreas que non existen en zonas saturadas. A planta non soluciona o exceso de nitróxeno da comarca; simplemente o empaqueta nun formato máis difícil de xestionar legalmente.

Comparativa Real: O que a industria non conta

Parámetro Purín de Granxa (Cru) Dixestato de Planta Impacto Real
Volume Total 100% 120% - 140% Máis transporte: Máis cubas na estrada e máis gasto en gasóleo.
Forma do Nitróxeno Orgánico (Lento) Amoniacal (Rápido) Máis contaminación: Risco alto de filtración a pozos e ríos.
Calidade do Abono Crea certa estrutura Pobre en fibra Solo esgotado: Non xera humus estable; a terra queda "viciada".
Loxística legal Xestión coñecida Colapso territorial Sen terra: Non hai hectáreas abondo para tanto dixestato.


É un abono idóneo? O baleiro normativo

A normativa española actual (RD 1051/2022) permite que nas plantas entren residuos que non sempre garanten un dixestato limpo. Sen un control estrito, o que volve á terra pode conter restos de antibióticos, metais pesados ou micro plásticos de procesos industriais. No canto de "condimentar" a terra cun bo abono, corremos o risco de converter os nosos campos nun vertedoiro de residuos procesados.

Usar as plantas de biometano como escusa para reducir o purín sen aumentar a terra dispoñible é unha falacia. Se a planta non ten sistemas carísimos de "separación de nutrientes" (que case ningunha contempla polo seu custo), o gandeiro e o veciño saen perdendo.

A solución honesta non é "procesar máis", senón adecuar a produción á terra que se dispón. O resto é química e loxística que, ao final, sempre acaba pagando o mesmo: o solo e a auga de todos.

Referencias e bibliografía

sábado, 2 de maio de 2026

DOZÓN 2036: O DESPERTAR DUN POBO QUE SE NEGA A DESAPARECER

Como veciño e militante do BNG, négome a aceptar que o destino de Dozón sexa converterse nun deserto de granito. O noso concello non está condenado; está mal xestionado. Temos o territorio, a situación estratéxica e a xente, pero fáltanos un proxecto que poña a vida e a riqueza social por diante do cemento e as fotos de inauguración.

Dozón debe deixar de ser un "concello-escaparate" para transformarse nun concello-fogar. Aquí presento a folla de ruta para que a vindeira década sexa a do noso rexurdimento poboacional e social:

O Saneamento Integral: A verdadeira base do rural

Ninguén se engane: sen sumidoiros e depuración nas parroquias, as aldeas morren por moito que brille a praza do Castro.

  • Prioridade técnica sobre a estética: Propoñemos unha moratoria en obras ornamentais ata que o 100% das vivendas de Saa, O Sisto, Sanguiñedo ou Vilarello teñan servizos básicos.

  • Habitabilidade e licenzas: Sen saneamento non hai licenza de primeira ocupación nin posibilidade de atraer novas familias. O saneamento é a primeira pedra para que a mocidade volva quedar aquí. Como pretenden que a xente rehabilite casas se o Concello non garante o mínimo esixible?

A Residencia como Baluarte de Arraigo Social

A xestión actual da residencia é un exemplo de como se lle pode virar as costas á propia xente.

  • O "Pacto de Dozón": Esiximos a firma dun convenio de colaboración social que reserve, como mínimo, un 40% de prazas con prioridade absoluta para veciños empadroados.

  • Xustiza para os nosos maiores: Imos permitir que os nosos maiores sexan expulsados a Lalín ou Ourense mentres a residencia do seu pobo se enche con xente de fóra por puro interese comercial? Envellecer en Dozón debe ser un dereito, non un luxo.

Soberanía Enerxética: Máis alá do "autoconsumo" do alcalde

Ata agora vimos un modelo pouco eficaz: catro placas solares para que o Concello aforre na súa factura mentres o veciño segue pagando o mesmo. Iso non é soberanía.

  • Comunidade Enerxética Local (CEL): A nosa proposta é que o Concello actúe como promotor dunha cooperativa veciñal. Os tellados públicos deben xerar enerxía para que a electricidade barata se reparta entre as casas e explotacións nun radio de 2 quilómetros.

  • Baixar o recibo dende a aldea: Se un gandeiro reduce o seu custo enerxético un 40%, a súa explotación é viable. Queremos converter a Dozón nunha "illa enerxética" onde a riqueza do noso sol quede no peto dos veciños e non nos balances de Naturgy ou Iberdrola.

O Monte e o Sector Primario: Unha despensa de vida e diversidade

Temos o privilexio de non ter a praga do eucalipto. É o momento de converter o noso territorio nun motor económico multifuncional onde a terra produza máis que silvas.

  • Plan de Gandería Extensiva e Rexenerativa: O Concello debe mediar para recuperar terras abandonadas e poñelas a disposición de novos proxectos. Non falamos só de vacún de leite ou carne; Dozón ten potencial para o gando ovino e cabrún, esencial para o control da biomasa e a prevención de incendios.

  • Diversificación de Cultivos e Apicultura: Debemos fomentar o uso das nosas terras para cultivos de horta de montaña, froitos vermellos e castaña de calidade. Así mesmo, a apicultura debe ser protexida e impulsada como unha actividade que non só xera ingresos, senón que mantén a biodiversidade das nosas parroquias.

  • Transformación e Ciclo Curto: O Concello debe facilitar espazos (obradoiros compartidos) para que o leite, a carne, o mel ou os derivados do bosque se envasen e transformen aquí. Queremos que o valor engadido quede en Dozón. Van seguir permitindo que o noso maior activo sexa un polvorete por pura desidia en lugar dunha fonte de emprego verde?

  • Aproveitamento Forestal Sustentable: Promover a plantación e coidado de frondosas caducifolias (carballos, castiñeiros) que dean valor á madeira a longo prazo e garantan un monte resiliente e produtivo.

Vivenda e Rehabilitación: Abrir as casas pechadas

Dozón ten casas que se caen mentres hai xente buscando fogar.

  • Bolsa Municipal de Vivenda: O Concello debe ofrecer garantías de cobro aos propietarios e bonificacións fiscais do 95% a quen rehabilite nas aldeas.

  • Transporte á demanda: Para que a vida na aldea funcione, necesitamos un sistema que conecte cada parroquia cos servizos básicos de xeito eficiente e moderno.

Unha chamada á militancia e á veciñanza

Este proxecto non vai saír de representantes que actúan como "mobles" no salón de plenos nin dun goberno que só pensa no granito. O 2036 está á volta da esquina e a pregunta é clara: Queremos ser un recordo nun mapa ou un concello vivo con nenos nas aldeas e maiores ben atendidos?

Como militante do BNG, teño claro que a alternativa existe e constrúese na rúa, nas feiras e en cada parroquia. É hora de espertar Dozón. Polas nosas raíces e polo noso futuro. Dozón merece dignidade.