luns, 27 de decembro de 2010

Repoblar ata 2014-2016, e despois…?

 Para estas datas tan especiais e festivas moitos pontevedreses e pontevedresas, segundo a Deputación de Pontevedra, xa poderíamos degustar un novo servizo tecnolóxico. Este servizo derrógase no tempo por imprevistos técnicos de instalación e retrasos burocráticos co cal haberá que esperar aos primeiros meses do novo ano 2011 para empregalo.

 Durante estes meses estanse a producir charlas informativas en todas as capitais de cada concello para presentar un servizo que se vende a un baixo prezo e con unha alta calidade tecnolóxica segundo os expertos da propia compañía e do organismo público.


 Mirando os pregos (técnicos e económicos) do proxecto adxudicado por parte da Deputación de Pontevedra observase que o prezo fixado de 17 euros (sen I.V.E.) ó mes por 1 mega de velocidade ten data de caducidade. Trátase dun servizo cun prezo perecedoiro. Como moi tarde para o 2016 este prezo xa non está vinculado a axuda co cal o máis seguro é que a empresa fixe outro acorde co mercado. Vamos, que os fondos da UE para este proxecto tan innovador no rural galego pode traducirse a efectos económicos nunha axuda á empresa explotadora das infraestruturas para expandirse na provincia de Pontevedra e un incentivo ós cidadáns para que contraten un servizo cun baixo prezo relativo a curto prazo sen ter garantías de manter ese mesmo prezo anunciado o cabo de seis anos.


 Mentres outras compañías do sector perciben axudas públicas para dotar o servizo ó cidadán e custear a inversión inicial favorecendo un prezo de explotación base final baixo, independentemente da subvención obtida a posteriori, neste caso tamén se concede unha subvención no prezo final pero é temporal. A dedución da subvención non está fixada no prezo base do servizo senón a posteriori e só para catro anos e dous máis prorrogables, se as partes están de acordó. Co cal cando a Deputación de Pontevedra deixe de prestar fondos á empresa, esta fixará o prezo sen a subvención pública.


 Como o inmediato e a curto prazo é o que vende, de seguro que a moitos non lles importará esta situación que agora se produce, pero políticamente falando unha boa xestión pública debe ir máis alá do inmediato e pensar nas xeracións futuras. Ou non..?


 Este artigo tamén o podes atopar no xornal:

 https://www.farodevigo.es/cartas/2010/12/28/repoblar-ata-2014-2016-e-despois/504283.html