luns, 15 de xuño de 2020

A política de apoio e mellora agraria non debe ser só auxilio

Todos os sectores, sexan do primario ou da industria transformadora, reciben apoio económico con menor ou maior contía. O asunto fundamental é se esa axuda, e todas as estratexias políticas cara o sector, permiten sostelo, garantindo a continuidade no tempo dunha actividade atractiva e con réditos para investir nela dende o inicio da mesma. 

A economía primaria, e en concreto a produción do leite, debería contar con poder suficiente para permitir marcarse a súa propia marxe de beneficio sen estar fixada de maneira esóxena por outros actores. A gobernación pública debería arbitrar e tutelar o cumprimento desa regra de transparencia.

O arranque e desenrolo do tecido primario na Galiza ten moito potencial que tampouco está a ser activado. Canalizar e dinamizar as liñas que deberían facerse, con ferramentas que aporten complementos de valor, sen contaminar o prezo do litro de leite, seguen a estar pendentes. 

O prezo do leite é o resumo de toda a actividade. É o final dun valor trasladado, que debería ser o xusto, sen alteracións, sen perturbar o verdadeiro importe. Fixado e cotizado no mercado coas leis dunha dinámica transparente e atada a forzas tendentes a dar un valor optimizado de todas as contías variábeis da transacción ata o consumidor final. Unhas forzas que tamén impulsen a obtención dunha ganancia razoábel e equitativa a todos os entes xeradores da cadea de valor contando co ente produtor.

Por desgraza, neste país, o prezo vénnos dado e a manobra que nos queda é axustar, na medida que poidamos, os custes de aquelas variábeis relativas totais máis manexábeis dese valor final.  A tarefa case se ve como misión imposíbel cando nin iso se dá controlado. Por iso, a importancia de ter unhas liñas de apoio indirectas máis importantes, sen que afecten á baixada do prezo do leite é esencial. E non me refiro a un aporte só económico senón, ao de forzar unha maior amplitude da importancia que ten o sector primario na economía local do entorno. As gandarías son a base e sustento fundamental. É o comezo da xeración dun alimento de primeira necesidade. Coidar e garantir este ente económico e social no rural ten que ser primordial na política galega.
Hai moitas estratexias posíbeis á hora de poder facer valer a demanda dos produtos nosos, sen caer en políticas intervencionistas ou agresivas contra o foráneo. Suíza márcase obxectivos nesa liña, afronta un escenario que permite ás ganderías ter ganancias acordes. Francia, sendo membro da UE coma Galiza, tamén xoga nese papel.
O ente produtor de calquera sector primario debe funcionar cunha marxe de beneficio vinculada ás ganancias dos intermediarios sen escalar beneficios no prezo final ao consumidor. Non se trata dunha técnica de fixación de prezos regulados explicitamente nin independentes da interacción da demanda coa oferta. Trátase de estruturar un modelo no que se distribuían as marxes ganancias a todos os partícipes do ben producido e engadido nesa cadea ata o usuario final.
O futuro é incerto pero a política apropiada e adaptada a un sector, que demanda un horizonte de prosperidade, debería aparecer axiña e fixarse en trazar un contexto estábel para todos.

Este artigo tamén se atopa nos xornais:



Ningún comentario:

Publicar un comentario