O agro galego está a ermo debido ás poucas ansias de traballalo. Non falo do traballo que realizan os labregos e labregas actuais senón do traballo de xestión e negociación que lles toca a aqueles cargos públicos e institucionais que comen de todos e non producen rendabilidade . Se a estratexia pública actuara con conciencia e baseárase na realidade dos distintos sectores vencellados ó agro galego outro galo cantaría e os labregos e labregas desta terra fértil e verde falarían de riqueza e non de pan para hoxe e fame para mañá. Os sectores produtivos vencellados ó agro tamén son sensibles ós cambios do entorno co cal os individuos da Administración do Estado e de Galiza, en concreto, son os responsables e paralelamente co-causantes destes cambios evolutivos dos últimos tempos no marco europeo, apesares de que queren delegalo na UE. As distintas administracións públicas deberían ser as responsables e activar políticas activas de dinamización e recargar o valor dos sectores do agro na economía galega para darlle un pulo non só na UE senón tamén a nivel internacional. Temos ó noso dispór, dende as distintas administracións públicas, ferramentas que son factibles e moi útiles que levan paradas moitos anos ou son empregadas de escaparate demagóxico xa que nunca serviron para a estructuración dos sectores. Os sectores vencellados o agro galego non necesitan de subsidios, necesitan de recursos que permitan subir no tren do avance e dos novos mercados. Estes recursos é ben sabido que, en diñeiro e de forma directa, os labregos e labregas aquí en Galiza de pouco lles serviron para competir e adaptarse os novos tempos, non pola mala xestión das súas explotacións senón porque carecen de capacidades e infraestructuras que lles permitan levar a cabo esas adaptacións tan necesarias e urxentes dende fai moitos anos. A formación do labrego e labrega foi nula durante moitos anos dende que entramos na UE e só se aplicou apillaría para servirse de fondos públicos sen que estes realmente fosen destinados a repercutir na mellora e adaptación da explotación. Cando falo de mellora e adaptación non me refiro só a adquisición de activos senón de formación e modos de xestionar a explotación xunto coa dotación de infraestructuras de carácter xeral a un lugar concreto onde aséntanse máis dunha explotación. Incentivar o cooperativismo e a asociación de explotacións faríanos máis competitivos no mercado.
Se as distintas administracións públicas taparon os ollos ante estes feitos ou elas mesmas foron parte nos fins dos fondos públicos, o problema non está no labrego en si senón en quen administra estes recursos. A rendibilidade dos recursos procedentes da UE para Galiza a modo xeral nas últimas décadas foi mínima ou case nula para a xeneralidade dos sectores vencellados ó agro galego. Logo aquí, está acontecendo algo que non é causa externa senón interna e en clave galega. Falta xestión e ansias en administrar correctamente estes recursos cada vez máis escasos. O anterior governo bipartito comenzou a tomar este modo correcto de administrar os recursos públicos pero só foi un escintileo. Para este novo curso político queda pendente seguir dando escintileos que poden chegar a ser continuados no tempo para lograr ver o camiño correcto ou ser pasivos e parte implicada no ermo do agro galego.
O plantexamento de fondo está en buscar a función que revalorice o agro galego, permitir que este recurso natural de Galiza e para Galiza se rexenere e sexa atractivo para aqueles que queiran internarse no mundo empresarial agrario galego. Unha explotación tense que ver coma unha organización productiva e non se está a enfocar deste xeito co que o plantexamento para resolver a situación nunca encontrará unha solución factible.
Un grupo lácteo propio sería un paso se acolle na súa organización a todo o sector e non só os grandes productores, o que non se pode é establecer o modo de traballar doutras organizacións ou grupos foráneos sen ter en conta as peculiaridades de Galiza. Estas peculiaridades son o importante dun grupo lácteo galego cun horizonte a competir no mercado internacional revalorizando os distintos produtos a introducir no mercado e marcando a diferenza necesaria para gañarse a confianza do consumidor final.