xoves, 3 de setembro de 2026

Dozón no seu espello: o caciquismo demostra solidariedade de escaparate

Existe unha vella máxima na política do postureiro: canto máis baleira está a acción do goberno, máis grande ten que ser a foto de portada. A recente concentración convocada pola FEMP diante da Casa do Concello de Dozón é a proba manifesta dunha xestión municipal adicta ao protocolo e profundamente desconectada do sentir e das necesidade reais do seu pobo. A estampa do goberno local do PP e do seu contorno inmediato posando sorrintes baixo o pretexto de "solidariedade" co pobo ceutí non é máis ca un exercicio de cinismo político nun concello castigado polo esquecemento e a falla de servizos públicos básicos.



O negocio dos proxectos e o esquecemento dos maiores

A indignación que hoxe percorre Dozón ten razóns de peso. Mentres a corporación se apresura a amosar un perfil institucional impecable ante os medios, a xestión económica do municipio responde á espiral de sempre: proxectos ad hoc, albergues cuxo rendemento social ninguén atopa e anuncios no polígono industrial onde priman os orzamentos sobre o retorno real para a veciñanza.

Máis sangrante é aínda a situación dos servizos sociais. Resulta incomprensible que, mentres se enchen a boca de solidariedade cara fóra, o goberno municipal vote en contra de garantir prazas reservadas e prioritarias na residencia de maiores para os veciños e veciñas que levan toda a vida traballando, cotizando e mantendo vivo este concello. Para a xente da casa, a resposta do Concello é o silencio administrativo; para a foto de propaganda, todo son facilidades.

A rede caciquil e o servilismo de partido

Este modelo de gobernar non é novo, pero a súa degradación é cada vez máis evidente. O grupo de acólitos e caciques que rodea ao goberno municipal funciona como un eco sen criterio: aplauden con entusiasmo calquera directriz que chegue dende a sede do seu partido ou das altas esferas institucionais, pero pechan os ollos ante o deterioro das infraestructuras rurais, os problemas de saneamento ou o abandono das parroquias.

Facer seguidismo cego das liñas que dictan os sectores máis reaccionarios, razistas e xenófobos —ou alternar o discurso segundo sopre o vento político— non é ningún exemplo de dignidade nin de liderado. Gobernar un concello esixe coherencia, bravura e asumir responsabilidades reais coa dignidade de todas as persoas.

Menos fotos e máis feitos: Unha invitación directa ao alcalde

Se o rexedor e a súa contorna teñen de verdade un chisco de solidariedade, empatía humana e altura moral, que o demostren con accións concretas e non con pose de minutos de silencio.

Desde aquí convidamos ao alcalde de Dozón a dar un paso adiante: que poña os recursos do municipio á disposición e solicite formalmente a acollida directa de persoas migrantes e refuxiadas no noso concello. Dozón ten espazo, ten infraestruturas baleiras financiadas con fondos públicos e ten a capacidade de ser unha terra de acollida real se hai vontade política.

Ofrecer solucións habitacionais e de integración non só demostraría unha solidariedade auténtica e sen trampas, senón que evitaría que Dozón siga baixando de categoría moral e política. Chegou o momento de decidir se este concello vai seguir sendo un feudo caciquil de retórica baleira ou se de verdade hai alguén na Casa do Concello disposto a exercer a dignidade sen complexos. Basta xa de dicir que chove mentres nos mexan por riba.

Ningún comentario:

Publicar un comentario