domingo, 18 de xaneiro de 2026

O DEZA NON É UNHA CLOACA: A VERGONZA QUE NACE EN DOZÓN

Hoxe a rabia é máis espesa que o propio vertido que baixa polas nosos cáuces. Mentres escribo estas liñas, o que debería ser un regato de auga cristalina —esa auga que é a alma do Deza e o orgullo de Dozón— converteuse nunha arteria morta, nunha lingua de lodo branco e artificial que avanza río abaixo cara ao Asneiro e cara ás vilas de Lalín.



Dende aquí, onde a auga aínda debería nacer limpa, asistimos con impotencia a un acto de terrorismo ambiental en estado puro. Porque non lle podemos chamar doutro xeito. Verter substancias químicas, minerais ou industriais ao noso río, aproveitando o silencio da noite ou o illamento do monte, non é un erro: é un crime contra a nosa terra e contra o futuro de todos os que vivimos nela.

O silencio dun río que non cheira, pero que berra

O máis inquietante desta vertedura é que non cheira. Ese branco leitoso, case cirúrxico, parece querer ocultar a súa toxicidade tras unha máscara de limpeza. Pero os que coñecemos o río sabemos que esa brancura é a cor da morte para os peixes, para as algas e para a saúde do ecosistema. O que hoxe vemos en Dozón como unha mancha estética, mañá será un problema de saúde pública en Lalín, afectando á captación da auga que beben os nosos fillos.

Abondo xa de impunidade

Como veciños de Dozón, estamos cansos de que a nosa comarca sexa tratada como unha "zona de sacrificio". Parece que a algúns lles sae máis barato envelenar o río que xestionar correctamente os seus residuos. Pero o que non contan é o prezo que pagamos os demais: o noso patrimonio natural esnaquizado e a seguridade dun recurso tan básico como a auga potábel posta en xaque.

Onde están os sensores de control? Onde está a vixilancia de Augas de Galiza? Como é posible que, en pleno século XXI, unha vertedura desta magnitude poida percorrer quilómetros sen que se activen alarmas automáticas?

Unha chamada á rebelión ambiental

Dende Dozón, non imos quedar de brazos cruzados. Non abonda con lamentarse cando o río xa baixa branco. Esiximos que se identifique con nomes e apelidos á empresa ou ao particular responsable deste atentado. Esiximos que a Xunta e o Concello de Dozón e de Lalín deixen de pasarse a pelota e asuman que a protección do Asneiro comeza aquí, na súa orixe.

Defender o río é defender a nosa casa. Se permitimos que maten o Asneiro en Dozón, estamos permitindo que nos rouben a dignidade como pobo. Queremos ríos vivos, non cloacas industriais. A nosa auga, a nosa terra e a nosa saúde non teñen prezo, e quen crea que pode destruílas e saír impune, vaise atopar con todo un pobo en pé de guerra.

O Deza non se vende, o Deza deféndese.


Ningún comentario:

Publicar un comentario