Amosando publicacións coa etiqueta Incendios. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Incendios. Amosar todas as publicacións

martes, 17 de febreiro de 2026

O LUME NON ENTENDE DE ORZAMENTOS

A resolución das axudas para a prevención de incendios forestais (MR651A) publicada no DOG n° 31 é a acta dun fracaso institucional. Baixo a fría linguaxe administrativa do "esgotamento de crédito", a Consellería do Medio Rural admite que deixa sen protección a decenas de montes veciñais. O sistema de concorrencia competitiva trata a seguridade pública como un concurso de méritos: se non tes puntos abondo, o teu monte queda fóra.

Pero o lume non sabe de baremos. Unha rozadura non executada por falta de fondos nunha parroquia é o combustible que alimentará o incendio na lindeira que si tivo axuda. Esta política crea un mapa de "parches", un territorio fracturado onde a prevención é un privilexio e non un dereito. Mentres se destinan millóns á extinción espectacular —avións e videovixiancia en pleno agosto—, escatímase no mantemento invernal, que é onde realmente se gaña a batalla.

Denegar proxectos técnicos válidos simplemente porque "acabaron os cartos" é unha falta de respecto ao esforzo das comunidades rurais e un exercicio de cinismo político. Estamos financiando as lapas do futuro. A prevención debe ser unha estratexia integral e non un sorteo burocrático. Se Galiza quere deixar de arder, a protección do monte non pode depender de se sobra ou non algo de diñeiro nun caixón de San Caetano. Xogan co lume, e sairemos queimados.