Amosando publicacións coa etiqueta dignidade. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta dignidade. Amosar todas as publicacións

luns, 19 de outubro de 2026

O impulso da Galiza que vén.



Hai momentos na historia política e social dun pobo nos que a esperanza deixa de ser unha simple palabra para converterse nun proxecto tanxible. Se o BNG acadase os resultados necesarios para formar grupo propio no Congreso, non estaríamos ante un mero trámite parlamentario ou unha suma de escanos; estaríamos ante a constatación de que a nosa terra decide, por fin, adentrarse nunha senda decidida de benestar colectivo e de responsabilidade común.

Cando un país ten voz propia e sen ligaduras nos espazos onde se toma a decisión do orzamento e da lei, as prioridades cambian. Ter esa representación directa e sen intermediarios funciona como un verdadeiro motor garantista da riqueza, entendida esta non como o beneficio duns poucos, senón como o desenvolvemento e a prosperidade distribuída en toda a sociedade: mellores servizos públicos, defensa do noso tecido produtivo, coidado do territorio e oportunidades para que a mocidade non teña que marchar.

Atrévome a dicir isto porque teño unha certeza profunda: a verdadeira transformación dun país reside na valía de querelo.

Nada cambia se non hai un agarimo real pola terra que se pisa, polas súas xentes e polo seu futuro. Cando se quere a Galiza con esa intensidade e respecto, a política deixa de ser unha xestión fría de recursos e convértese nun compromiso ético, de valores.

O benestar e o progreso de todas as persoas van sempre en sintonía coa conciencia. Cando unha sociedade desperta, activa un impulso imparable de melloras. Ese espertar colectivo é o que nos fai entender que o público é de todos, que o futuro se constrúe en común e que Galiza ten a capacidade, o talento e o dereito de decidir o seu propio rumbo.

A diferenza atópase en poñer o corazón e a razón no mesmo punto de mira. Porque cando a política se fai só desde a frialdade dos números ou desde o cálculo electoralista, pérdese a alma; pero cando se fai só desde a emoción sen un rumbo claro, pérdese a eficacia. O verdadeiro cambio nace cando o amor pola nosa terra se converte en proxecto, en rigor e en solucións reais para o día a día.

Cando se quere a Galiza, trabállase por ela sen complexos, sen pedir permiso para existir e sen agachar a cabeza ante ninguén. É aí onde comeza a verdadeira transformación: na decisión valente de dicir que merecemos máis, que non somos menos ca ninguén e que o noso futuro non ten por que escribirse lonxe de aquí.

Querer un país histórico con identidade propia como a Galiza é, en última instancia, romper coas ataduras e o papel de colonos ao que nos queren condenar. É coidar duns a outros para erguer a nosa propia voz e tomar o control do noso destino. Detrás de cada proposta, de cada logro e de cada paso adiante hai unha historia de dignidade compartida: a do pobo que xa somos e a do país ceibe, próspero e dono de si mesmo que seremos se decidimos apoiar ao BNG. Cando cremos no noso e exercemos a nosa soberanía, o imposible faise camiño.